As mulleres

Juan L. Valdés

CULTURA

A investigadora Natalia Jorge Pedreira, que gañou o premio Xohana Torres cun traballo sobre as mulleres trapicheiras da raia.
A investigadora Natalia Jorge Pedreira, que gañou o premio Xohana Torres cun traballo sobre as mulleres trapicheiras da raia. M. Moralejo

18 mar 2026 . Actualizado a las 17:22 h.

Tivo que ser un poeta quen o dixera. «Somos a nosa infancia», oración atribuída (talvez apocrifamente, é o que ten o mercadillo das sentenzas lapidarias) a Rilke, é unha idea chea de tenrura e inocencia, do que tan necesitado anda o mundo. Eu quixera, a risco de estrelarme cun disparate, arriscar un corolario a tan fermoso pensamento. Creo lembrar unha interviú na que Serrat afirmaba que, malia o desposuimento de todo o material nun mundo gris e mesquiño (ou acaso por iso), a súa infancia foi felicísima pois tivo todo o que un neno espera: amor. Máis novo que Serrat, pertenzo á xeración dos búmers, que vivimos xa un certo avance na posesión de bens de consumo: radios, teles, frigoríficos, seiscentos… pero seguiamos sendo criados fundamentalmente por mulleres, pois o rigoroso patriarcado do franquismo sacralizaba o traballo masculino enviando á muller a sus labores e ao heroico papel do refugio del guerrero, en fin. No meu caso, meus irmáns e curmáns fomos criados por unha nai amantísima, unha avoa viúva, unha tía solteira e a madriña María Luisa, doce como os queiques que cociñaba. O mundo dos nenos era un mundo de mulleres. A miña idea é que esta tutela intensamente feminina da nosa primeira educación quizais explique que os varóns da miña quinta aceptásemos sen traumas nin demasiadas fendas a integración completa das mulleres nas esferas da vida ata entón reservadas aos homes por un réxime fanaticamente machista. É probable que esaxere e non teña razón pero déixeme vostede emocionar coa idea de que así devolviamos ás mulleres —ademais de parirnos, nos educaron— a convicción de seren quen de moito máis, para alén das estreitas paredes do fogar, onde estaban ata as narices de reinar. O caso é que, ademais de na miña inevitable condición de varón, na miña condición (case igual de inevitable) de editor, sigo sentíndome moi feliz cando podo contribuír á consolidación social da condición e dignidade das mulleres. Reimprimir os dous últimos premios Xohana Torres, que a USC coedita co Concello compostelán, tras esgotárense as primeiras edicións, foi un agasallo profesional. Grazas Montse Fajardo, grazas Natalia Jorge Pedreira, polo vosos magníficos ensaios e pola confianza neste indefenso valedor das mulleres, creadoras da vida.