Aceptémolo: a xeopolítica non está para verbenas. Malia que dá algún respiriño como a patada no cu a Orbán, as macarradas de Trump, o fanático supremacismo de Netanyahu e a ucraínofobia de Putin seguen nutrindo as portadas dos xornais. E China? Ai, China! E será o tal Xi Jinping tan malo como din? A meu pai, usuario dun certo racismo de aldea, lle resultaba dificilmente crible que un chino puidese ser mala persoa pois, ao seu parecer, a expresión fisiognómica dos orientais transmite inxenuidade e bonhomía. Hoxe, China xera en Occidente (talvez por envexa dun sistema socioeconómico que funciona como un Longines) a desconfianza dun xigante que non se sabe moi ben por onde vai saír. Porén, esa suspicacia non debera eclipsar o recoñecemento das débedas culturais que a civilización occidental ten contraído co celeste imperio. Ademais de quintaesenciar a ciencia da tortura (se quere ler algo vitriólico e pasar un mal rato recoméndolle O xardín dos suplicios de Octave Mirbeau, 1899, xoia do decadentismo galo), os chinos inventaron o reloxo, a pólvora, o papel e a imprenta. A imprenta? Pero non era cousa de maese Gutenberg? Verá vostede. O antigo sánscrito Vajracchedik Prajñaparamita Sutra é o título dun libro (un libro?) impreso (impreso?) en China no ano do Señor de 868 que se pode traducir como Sutra da perfección da sabedoría que corta como un diamante, coñecido como Sutra do diamante, un fascinante pergameo impreso xilograficamente seis séculos antes da Biblia de Gutenberg, que, de certo, é o primeiro libro impreso da humanidade. Hai uns días celebramos o Día do Libro e a pregunta é: que libro? É dicir, que é hoxe un libro? A dixitalidade clausurou xerarquías, disipou a tanxibilidade, crebou todo límite, fixo da letra unha dimensión infinitamente maleable, dúctil e libre de soportes. A autoedición cuestiona a propia condición do editor e banaliza a súa misión. E, finalmente, a IA suplanta (ou pode facelo) a natureza inviolable do creador e usurpa o seu dereito de autor. Confío en que, como todo o que naceu perfecto, o libro (tal e como o pensaron os impresores do Sutra e a Biblia latina) siga sendo dentro de mil anos un sublime e indefenso anacronismo.