Por orixinalidade e mestría, creo que o tapiz de Bayeux, que ata o 2027 se expón no British Museum, é unha das realizacións máis fascinantes da Idade Media. 70 metros de liño de medio metro de ancho nos que unhas mans pacientes bordaron en lá multicolor o episodio no que Francia irrompeu como elefante por bazar na historia de Inglaterra: a derrota dos saxóns polas tropas normandas nos outeiros de Hastings no ano do Señor de 1066. Nunha das escenas, un grupo de soldados observa un prodixio no ceo. No baixo latín da época, sobre as figuras o texto di: Isti mirant stella. O prodixio era o cometa Halley que, en efecto, en abril de 1066 apareceu no ceo, inducindo o exército do rei saxón Harold a tomalo como un pésimo presaxio. O bo de Halley, que se amosa ao noso planeta cada 76 anos, non vai aparecer outra vez ata 2061, de xeito que para min que eu non vou velo.
O que aparece con moitísima máis asiduidade, e, por veces, tamén con carácter agoireiro, é o informe PISA, que cada tres anos lembra a políticos, ensinantes, expertos pedagogos e público en xeral o mal que andamos á hora de facer dos nosos rapaces cidadáns conscientes, libres e críticos. Desta volta, como o campanile da cidade toscana homónima, o informe veu ben inclinado, certo é, pero aínda así, non entendo a esaxerada reacción social provocada por un feito tan esperable. No que, como editor e fervente lector máis de preto me toca, hai anos que alerto da imparable deserción da gran lectura, esa que durante séculos foi o mellor fertilizante da imaxinación e a intelixencia ata apareceren as máquinas de lobotomía rápida que son as redes sociais e derivados.
Recomendo a pais, mestres e pedagogos dous libros moi sinxelos pero proféticos, un de hai vinte e un anos (La magia de leer, José Antonio Marina y María de la Válgoma, 2005) e outro de hai trece (Para qué han servido los libros, Ignacio Domingo Baguer, 2013). Por isto (non sendo que responda ao clásico calentón informativo que dura unha semana) non entendo a indignación social que o tal informe desatou. Non son ao respecto moi optimista. Pero, para que preocuparse cando disque no 2030 a humanidade será aniquilada pola IA? E aí si que agardo chegar. Deus nos colla confesados.