«Coa marcha de Roberto Feáns tanto Marc coma eu tentamos negociar unha compensación», ao pasar de tres a dous os ocupantes do vehículo co que se desprazan desde Santiago aos adestramentos do Vilalonga. «O club e mais eu non chegamos a un acordo, e decidimos a miña marcha». Así explicaba onte Roberto Piñeiro a súa inesperada baixa nas filas do Novo San Pedro, certificada na noite do martes, co dianteiro santiagués fichando menos de 24 horas despois polo Negreira. Unha saída que, en principio, non inclúe a Marc, que estaría disposto a continuar xogando no Vilalonga o que resta de tempada renogociando as dietas de viaxes, agora desde Lalín, onde reside.
O voceiro da directiva celeste, Carlos García Padín, explicou que «nós temos un orzamento, e témonos que cinguir a el. E coas dúas fichaxes -de Roberto Fernández e de Uru-, os dous dianteiros, tiñamos que sacrificar a alguén. Non foi por un problema deportivo, o comportamento de Roberto Piñeiro foi excelente».
Titular indiscutido
O certo é que coa marcha de Piñeiro o Vilalonga queda sen un fixo no once titular. O futbolista santiagués tan só se perdera tres encontros no que vai de tempada, dous por lesión e un por sanción, sendo titular nos restantes agás unha xornada na que saíu desde o banquiño mermado por unha gripe. Interior dereito ou mediapunta no Vilalonga, o compostelán sumaba catro tantos.
En todo caso, ambas partes deixaron claro a súa boa relación, circunscribindo a ruptura a unha cuestión meramente económica. O Vilalonga semella ter ben cuberto o posto que deixa Piñeiro coas últimas fichaxes, entre as que se inclúe a de Ramón, a quen finalmente se lle fixo ficha logo de dúas semanas a proba tras o seu regreso exprés desde o Arousa.