«Paixón a mares»

Héctor Pose

DEPORTES

07 ago 2013 . Actualizado a las 13:23 h.

Así titula José Antonio Caride, catedrático de Pedagoxía Social da Universidade de Santiago, un dos oito prologuistas do libro que estamos pechando, a súa colaboración escrita. Os demais, cada quen desde a súa ciencia, son Ramón Villares, Vítor Vaqueiro, Manuel P. Rúa, Marcos Lorenzo, Fran Hermida, Xulio L. Valcárcel ou un dos máximos protagonistas das competicións que narramos, Manolín. Porque se algo encerra o libro-álbum Mar de paixón. O fútbol na Costa da Morte entre as súas ilustradas 200 páxinas, é paixón e mar salgado. De San Román e Caión ata o Portosín de David Vidal; de Malpica ao Negreira de Fernando Vázquez, 68 equipos en 23 concellos, conforman o mapa futbolístico trazado no volume. A carencia de arquivos non foi eiva insalvable para recoller testemuñas, obxectos, fotografías, actas e outros enseres que axudan a adentrarse na historia da liga e copa da costa. Unha desculpa para albiscar outros aspectos que narran a microhistoria das vilas aludidas: naufraxios, festas, muller, política, lingua?

Un xeito de amplificar o labor social de tales entidades federadas, nomeadamente nos anos en que a oferta cultural e deportiva era pírrica, é recreándose no relatorio dos seus verdadeiros protagonistas. Directivos imprescindibles; adestradores con ou sen título; xogadores que naceron e abandonaron o fútbol no mesmo club sen cobrar; socios e seareiros no imaxinario popular; utilleiros en nómina ou nenos do botiquín; árbitros que encarrexaban ou xustos. E xogadores que pola súa valía técnica, goleadora ou humana, deixaron pegada: Tonié, Chencho, Chicho, Calo, Xelucho, Tonecho, Periscal, Pallas, Moreira, Miculita, Manín, Dominguiños, Camuel, Cobiñas, Geno, Sindo, Giance, Mino? Tamén as camadas recentes: Huelvis, Juan da Marinera, Esmorís, Alejandro, Martín, Óscar Suárez, Suso Moreno, Repi, Emi? Ou dobremente se eran irmáns: os Casal, Collazo, Gundín, Puskas, Calabanda, Varela, Froxán, os Tinolo e tantas outras sagas.

A estatística co historial das tempadas e de cada club recóllese en 113 táboas, así como os máximos goleadores. Todo salpicado de referencias ás singularidades dos vizosos patrimonios que definen este territorio. Paisaxe, toponimia, areais, faros ou romarías. Máis de medio cento de capas de libros darán pistas ao lector se quere afondar no coñecemento da Costa da Morte. Aparecen reseñados cerca de trinta fotógrafos, auténticos notarios do acontecer local: Vidal, Caamaño, Esteirán, Tajes, Fuentes, Andrés, Alonso, Pombo, Gervasio Varela, José Manuel Casal, Lema?Vinte e tres artistas ligados natural ou creativamente á Costa da Morte, cederon obra para acrecentar a valía estética: Vari Caramés, Manuel Sendón, Nacho Porto, Juan Louro, Antonio Nodar, Felipe-Senén, Fran Herbello, Inma Doval, Estevo Creus, Xacobe Meléndrez, Enrique Lista, Peter Scheneider, Francesch, Nolo Suárez, Laureano Vidal... A coda final corre por conta da poeta ceense María Lado.

Andamos á buscarlle saída editora. Precisamos complicidades. Institucións ou empresarios con responsabilidade social. Son tempos complicados para a industria cultural, nada acostumada a publicar obras desta natureza, tan habitual noutras latitudes. Mais o noso empeño, o de Luis Porto, Fran Moledo e meu, será sácalo do prelo en outono. Todas as persoas que colaboraron co proxecto e as xeracións que o protagonizan, meréceno. A Costa da Morte, tamén.