O corredor vilagarcián sinte a vitoria do seu amigo Álex Marque como súa propia
20 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.Gustavo César Veloso chegaba onte a última hora da tarde a Vilagarcía tras a súa participación na Volta a Portugal e a celebración o domingo da vitoria na xeral do seu compañeiro e amigo Álex Marque. Catro segundos separaron o arousán, segndo clasificado, do estradense, xerando nel sentimentos enfrontados de ledicia e de frustración. Mañá Veloso correrá o Criterium de Alcobaça, e a vindeira semana pechará a tempada no Tour de Río coa tranquilidade de que, se o quere así, o ano que vén terá de novo un oco no OFM-Quinta da Lixa-Goldentimes.
-Polo que se ve nalgunhas fotografías que circulan pola rede (como as adxuntas), o recibimento en Sobrado o domingo foi dos bos...
-Foi, foi, foi. Parece mentira que nun lugar pequeno como este tivesemos un recibimento como o que tivemos. Sobrado non é un concello, é o que vén sendo unha parroquia de aquí, do Concello de Valongo. A verdade é que nunca tivera un recibimento como o que tiven onte nos meus 13 anos como profesional. A un quilómetro de Sobrado os corredores subímonos ao todoterreo dun dos patrocinadores do equipo. Había moita xente agardando por nós, coa carreteira cortada. Foi bastante espectacular.
-Ía a Portugal a pola xeral, e acabou segundo...
-Eu ía en principio coa idea de gañar a xeral. Pero o obxectivo era moi complicado. Se me din antes de empezar que vou subir ao podio e gañar a etapa raíña da Volta a Portugal, asinaba cos ollos pechados. Como dicía Marque o outro día, como o sinto eu e todo o equipo, a vitoria é dos dous. Eu sen Marque non podería ter gañado a Volta, e el sen min tampouco. A nosa unión, e a de todo o equipo, fixo posible esta vitoria. Detrás deste xersei amarelo están todos os compañeiros, que puxeron o seu gran de area. Sen un equipo non se pode gañar.
-Os 4 segundos cos que lle gañou Marque son a diferenza máis curta entre o xersei amarelo e o segundo clasificado nos 75 anos de historia de Volta a Portugal. ¿Como se vive algo así?
-Él gañouna, e eu perdina. Ver que se che escapa por 4 segundo, fode. Moito. Falando claro. Eu alédome por Álex un montón. Meréceo. Pero ves unha situación inxusta. Dúas persoas que se merecen unha vitoria así, con todo o traballo e co sacrificio que levamos atrás, que cheguemos os dous en disposición de gañar, e que por 4 segundos gañe un e teña que perder o outro. Por iso tanto Álex coma min temos o sentimento de que é inxusto que só gañe un. Pero el é xusto vencedor. Aguantou na montaña e quitoume 36 segundos na crono. Cando chegas ao hotel, estás só, e descargas toda a tensión da Volta, é cando comezas a asimilar todo. É unha situación complicada, difícil. Preferiría perder a Volta por 4 minutos que por 4 segundos. Pero así é a vida.
-¿Cre que o resultado do seu amigo Álex e mais o seu lles abrirán as portas de España a vindeira tempada?
-Pode ser que ao mellor a Álex si, porque nunca correu fóra de Portugal, e pode ser que algún equipo queira darlle a oportunidade. Gañou a Volta, e leva varios anos facendo bos resultados. No meu caso dubídoo. A xente, cando levas uns anos malos, esquécese de ti. Cando non se acordan dun nos anos bos... Teño recibido moitos paos. Teño sido optimista, e levar paos, paos, paos. Agora se sae algo, será unha sorpresa. Aquí -no OFM- valóranme, e a única maneira de que me vaia agora é que apareza un equipo potente. En Portugal non correría noutro equipo. Por respecto a eles, e porque me deron moitas facilidades para atoparme a gusto, e voltar disfrutar da bici. No equipo dixéronme que queren que siga, dentro das súas posibilidades. Se eu quero correr o ano que vén, teño equipo. Pero as negociacións non van comezar ata que remate a tempada. Sei que o equipo conta comigo. E iso dáme a tranquilidade de saber que non me vai pasar como este ano, que cheguei a xaneiro sen equipo. Tes a tranquilidade que non tiven noutros anos. E iso fai que traballes doutra forma.
-Falando de España, esta semana arrinca La Vuelta en Vilanova. Ao final non puido ser, e vostede non estará na saída...
-Prefiro quedarme con que vivín un bo ano, con que volvín a reencontrarme co ciclista que era, e voltei disfrutar da bicicleta.
gustavo césar veloso ciclista