Está claro que este non está a ser o Trofeo Princesa Sofía que Carlos e Antón Paz soñaban. Tras quedarse fóra do grupo ouro na segunda e derradeira xornada de corte, o martes, onte os regatistas do Liceo Casino caeron tres postos na xeral, do 31 ao 34, ao termo dunha accidentada xornada na que o grupo prata tan só puido completar unha manga das tres programadas. No caso da parella vilagarciá, cun pobre posto 17 de entre unha frota formada por 27 unidades.
Antón Paz explicou que «foi un día con condicións de vento forte, pero moi inestable. Saímos ao mar ás 3 da tarde, e estivemos case catro horas. No primeiro intento de saída a baliza movíase. No segundo un cambio de vento de 40 graos acabou coa manga anulada á metade da primeira ceñida, e houbo un terceiro aprazamento por cambios de vento». E cando tocou competir, houbo que facelo con refachos de ata 25 nós, ao límite do permitido, e ondas de case 2 metros. Unha mala saída condenou os Paz ao posto 17, sumando agora 93 puntos, polos 69 do primeiro clasificado do grupo prata.
Os liceístas queren aproveitar as súas dúas derradeiras xornadas no Princesa Sofía para mellorar as súas saídas, hoxe o seu talón de Aquiles.