O Cambados TM clasifica catro xogadores para o Estatal

Vilagarcía / La Voz

DEPORTES

04 nov 2014 . Actualizado a las 04:52 h.

Catro de nove. Case a metade dos xogadores desprazados polo Cambados Tenis de Mesa a pasada fin de semana a Lalín acadaron o pase desde o Torneo Zonal ao Estatal. Unha clasificación reservada aos oito mellores de cada cadro de idade.

Na categoría Sub-23 Guillermo Sánchez e Fernando Padín venceron a todos os seus rivais ata as semifinais. Alí o andaluz caeu nun duelo moi axustado co xogador de Superdivisión do Oroso Javier Benito, mentres Padín perdía, tamén nun choque moi apretado, co despois campión, o Superdivisión Miguel Ángel Vilchez, do Burgos. O ribadumiense Marcos Sanmartín, pola súa parte, tamén accedeu ao Torneo Estatal como quinto clasificado.

Na categoría Xuvenil Masculina Martín Regueiro pagou o seu mal encontro nos cuartos de final, para rematar quinto, o mesmo posto có acadado pola súa compañeira no Cambados T.M. Mariña Chaves en Alevín Feminino. Os outros cinco representantes do club cambadés, Rubén Lois en Sub-23, e Santiago Fernández, Diego Mariño, Antonio Fernández e Rubén Moure, en Xuvenil, non pasaron da fase de grupos.