Valentín Coto, novo presidente do Ribadeo FC: «O noso proxecto vaise basear en canteira, canteira e canteira»

i. d. r. RIBADEO / LA VOZ

DEPORTES

O dirixente pretende unir pontes coa SD, que presidiu o último bienio

14 jun 2024 . Actualizado a las 20:35 h.

O novo Ribadeo FC xa se cociña. Valentín Coto Pérez (Ribadeo, 1973) asumiu a presidencia e o novo coordinador deportivo, Dani Moirón, xa traballa na confección do equipo que tratará de dar a cara na Preferente con acento local e novo adestrador; onte anunciou a baixa de Pichi.

—Cales será as liñas principais do seu proxecto?

—O noso proxecto vaise basear fundamentalmente en canteira, canteira e canteira. Practicamente o cen por cen da directiva procede da SD Ribadeo, que é o equipo da canteira da vila, e o noso obxectivo principal é que o FC se nutra principalmente de xogadores de Ribadeo. Non nos parece lóxico que nos clubs da contorna haxa sete ribadenses nun, oito noutro, e aquí só tres ou catro como moito, e algúns sen xogar. Se nos embarcamos nesta aventura é para unir máis, se cabe, o FC e a SD, aínda que cada un deles conservará o seu propio nome e o seu espírito social. Queremos conseguir que os rapaces de 14 ou 15 anos teñan a ilusión que tíñamos nós, eu mesmo cando xogaba, de chegar ao FC.

—Foi o único candidato á presidencia?

—Si, non se presentou ninguén máis. Entendo que é moito traballo e, se nos presentamos, é porque temos unha directiva moi forte, moi cohesionada e unida. Isto sería imposible levalo a cabo se non fose pola directiva que me acompañou tanto nos dous anos que estiven na SD como agora no FC.

—Con que saúde atopa o club?

—Teño que dar as grazas á anterior directiva pola súa disposición a colaborar con nós en todo o que necesitemos neste arrinque. Hai que destacar o gran traballo que fixeron, deixando a cero a gran débeda que había.

—Vai seguir á fronte da SD?

—Non me dá a vida. Quedarei só como presidente da FC. Seguirei axudando á SD como vogal ou nalgún sitio, e nos vindeiros días anunciaremos un novo presidente entre os directivos actuais.

—Que obxectivos se propoñen a nivel deportivo?

—O obxectivo será manter a categoría, pero queremos que os socios saiban que isto é un proxecto a longo prazo e se descendemos tampouco nos imos volver tolos. O que máis nos importa é volver encher o campo. Ao FC non poden ir velo 30, 40, nin 50 persoas, ten que volver encher polo menos a grada grande e iso conséguese tendo rapaces da zona que vaian ver os pais, os avós, os tíos, os primos, as mozas, as irmás e os pícaros da SD porque van ver os seus adestradores e excompañeiros. Iso e ter as contas ao día son os nosos principais obxectivos.

—Confirmouse a saída de moitos xogadores. Como levan a confección do equipo?

—Ao ter eleccións e un cambio de directiva imos un pouco tarde, apurados. Moitos xogadores xa marcharon a outros equipos e outros xa renovaron nos clubs nos que estaban. A decisión que xa tomamos é nomear a Dani Moirón coordinador deportivo do fútbol 11 tanto do FC como da SD, é dicir, desde a categoría infantil. Cremos que é a persoa idónea para o posto pola experiencia que ten e porque coñece a zona e o club polos anos que pasou aquí como adestrador. El se vai encargar da planificación.