![](https://img.lavdg.com/sc/l-weQoQ3X_EFP_TKoVsXljek1CE=/480x/2025/02/01/00121738409821303938567/Foto/X_20241116_132012000.jpg)
Aos señores e señoras da Real Federación Española de Fútbol:
Estamos ante unha das competicións de Fútbol Sala Feminino máis importantes do estado: a Supercopa de España.
Dada a importancia de tal evento, tanto para os clubes coma para as súas afeccións, era e é previsible a demanda de entradas para o mesmo.
Antecedentes:
- A competición ten lugar entre o 1 e o 2 de febreiro.
- Non é ata o 24 de xaneiro que se dá acceso para solicitar as entradas.
- Contra todo pronóstico, non hai abonos nin entradas á venda, senón que son invitacións que hai que solicitar nun correo do Concello de Móstoles e que se repartirán por orde de solicitude e ata completar aforo (o pavillón ten capacidade para 480 persoas, non os hai máis grandes en toda a capital, claro!!)
Exposto isto,
1- As afeccións de Burela (Lugo), Melilla e Poio (Pontevedra) teñen que desprazarse a Madrid e facer pernocta, o que conleva unha planificación da viaxe con antelación, custos e desprazamentos que hai que conciliar.
2- Como afeccionada do Burela FSF, unicamente teño dereito a unha invitación para ver o partido de semis do meu equipo, non aos dos outros participantes.
Para o partido da final terei dereito a invitación soamente se pasamos á mesma...
En que cabeza cabe que se me desprazo 600 quilómetros para asistir a unha competición estatal só quero ver o partido do meu equipo?
Se Burela FSF pasa á final terei entrada; se non o fai, terei que aproveitar a miña estadía en Móstoles para ir a un bar e velo por televisión, tomando unhas cervexiñas e unhas olivas...
Que para iso quédome na Galiza, señores e señoras federativas!! Que non vou a Madrid para ver unha final por Teledeporte. Porque me quedo no meu pobo, no meu bar preferido, coa miña xente, tomando unhas Estrella ou unhas Milnove mentres animamos ao noso equipo de guerreiras desde o principio ao final da competición, gañando ou perdendo, como sempre o facemos. Saiban vostedes que, aínda a centos de quilómetros, elas son coñecedoras de que SEMPRE estamos atrás, insuflando aire e ánimo para loitar ata que soe a bucina; e despois, tamén!!
3- En virtude das actividades que se lle recoñecen á RFEF, é propio dela, entre outras, «promover e organizar actividades deportivas dirixidas ao público», «calificar e organizar, no seu caso, as actividades e competicións oficiais de ámbito estatal».
De verdade cren vostedes que esta é unha forma acertada e correcta de promocionar e organizar unha competición a nivel estatal?
Cren vostedes que se lle está dando visibilidade e mostrando o respecto que merece o deporte feminino?
O de trasladar a Supercopa de futsal feminino... Iso dá para outro capítulo!!
De verdade?!
Unha competición por un título a nivel estatal de España, de carácter feminino, que pretenda realizarse noutro país onde o respecto ás mulleres está entre cero e nada, onde son consideradas meros obxectos; sen capacidade de opinión, e moito menos, decisión nin sequera sobre elas mesmas... De verdade??!! Permítanme ter as miñas dúbidas sobre tal resolución...
4- O feito, feito está... Pero déixenme dicirlles que, para próximos eventos, procuren ser vostedes un pouco máis empáticos e demostren a súa profesionalidade e coñecemento do medio no que se desenvolven.
Planifiquen as competicións en pavillóns con capacidade suficiente, cunha antelación que permita ás afeccións poder organizarse e tomar a decisión de ir ou non ao evento.
Sexan un pouquiño máis igualitarios e respectuosos co deporte feminino, cos seus seguidores e seguidoras, coas nenas que loitan por acadar un soño que ven reflexado nese sinfín de mulleres, recoñecidas a nivel mundial nas súas disciplinas; non sen moitísimo esforzo pola súa parte, pedras no camiño, pouco recoñecemento social e pouco respecto (aínda que traten de maquillalo, á vista está!) dos entes que as representan (ou deberían).
Sen outro particular, despídome atentamente; non sen antes desexar que tanto afeccións coma xogadoras desfruten da competición, que se respecten na pista e fagan un xogo bonito e limpo, que non haxa lesións e que as afeccións sexan todas un berro ao unísono defendendo este deporte; pedindo respecto, recoñecemento e igualdade para os deportes femininos en xeral e para o futsal feminino en particular.
Boa sorte a todas: empeza o xogo!!
A desfrutar!!
Asinado: Rosana Posada Expósito (afeccionada do Burela FSF, enfadada, descontenta pero orgullosa do meu equipo. ¡¡Sempre!!).