 
	
											O deporte tamén debe ser parte da normalización lingüística. A semana pasada, Ana Peleteiro, unha das voces con máis transcendencia do deporte galego, deu un paso adiante importante na súa conta de TikTok. A saltadora de triplo definíase como galegofalante de cativa, destacaba apostas claras polo noso idioma como a que está facendo o Celta, desvelaba que apostaba pola educación en galego da súa filla, Lúa, e tamén apuntaba que cada vez escoitaba máis á xente expresase en galego.
Que Peleteiro se molle a prol do galego, que non pasa polo mellor momento logo dunha moi longa noite de pedra, non é unha cuestión anecdótica. Ana ten unha lexión de seguidores nas redes sociais, conta co aval de ser a mellor atleta galega de todos os tempos e é un referente para milleiros de deportistas de todas as disciplinas. E para moita xente allea ao deporte. Ademais, pode abrir o camiño para que outros deportistas de referencia rompan tabús.
				
		
			
		
		
												
								
 
    	
Tampouco é unha cuestión menor a aposta pola cultura que vén cultivando o Celta dende a chegada de Marián Mouriño á presidencia, convertendo Balaídos nun escaparate. Do mesmo xeito, algúns clubs e moitas federacións teñen o galego como o seu primeiro idioma, tanto no mundo web como na correspondencia cos seus asociados, aínda que un número considerable de entidades seguen considerando ao galego como unha lingua de segunda e só a sacan do armario en momentos puntuais e, por norma, residuais.
Son pequenos pasos para asegurar mil primaveras máis, pero queda moito ata chegar ao equilibrio. Para cando as actas de todos os deportes e das competicións de ámbito autonómico en galego? Ou as presentacións de centos de eventos que cada fin de semana se celebran en Galicia? Por citar dous exemplos. Con máis Ana Peleteiro seguro que sería máis sinxelo.