Marcos García Rolle, piloto de 23 anos que debuta no Rali da Mariña: «Teño ilusión por aprender cada quilómetro»
DEPORTES
Tras participar os dous últimos cursos en probas do campionato galego de eslalon, o viveirense estrearase no rali da casa: «Quero regalar á miña xente a vitoria de acabar a carreira»
04 may 2026 . Actualizado a las 05:00 h.O Rali da Mariña volverá ser esta fin de semana o escaparate perfecto para o locemento da canteira automobilística da comarca. A terceira proba do campionato galego de asfalto suporá a primeira oportunidade de verse na liña de saída dun rali, tras anos soñando con ilo, para Marcos García Rolle (San Pedro de Viveiro, 2002), un rapaz que lembra con precisión milimétrica o impacto que lle xerou o seu primeiro contacto co deporte do motor: «Teño afección polos ralis desde moi pequeniño. O primeiro que fun ver foi un Rali San Froilán: o 7 de setembro do 2013 no tramo por Muras, ás 9.36 da mañá. Desde entón sempre fun un gran afeccionado, despraceime por toda Galicia e Asturias para ver ralis e tiña o soño de poder competir algún día».
«Impulsado por Manuel Trevín, un piloto de Ortigueira, no 2024 debutei na miña primeira carreira de eslalon, o ano pasado xa fixen o Galego case ao completo e agora lanceime a adquirir un Saxo e preparalo para debutar no rali da casa», conta un piloto de 23 anos que terá como copiloto a Anxo Durán, «un amigo de As Pontes que fixen casualmente nos eslalons», no que considera a consumación dun «gran traballo de equipo». «Moitos pensan que é chegar ao rali e darlle ao volante, pero levamos moitos meses traballando no coche e, sen todos os amigos e familiares que me axudaron, sería imposible participar. Hai moitas horas detrás para ter o coche a punto. A todos eles lles debo poder vivir esta experiencia tan bonita», explica.
«Para os meus amigos e a miña xente, poder estar na saída xa é unha vitoria e eu a vitoria que lles quero regalar é acabar o rali», detalla un García Rolle esperanzado de que o VIII Rali da Mariña sexa o primeiro capítulo dunha longa experiencia como piloto. «Teño moita ilusión e quero aprender cada quilómetro. Sei que teño moito por aprender para ir progresando neste deporte», analiza.
Un dos máis novos
Con só 23 anos, baixo o soporte da escudaría Automóbil Club As Pontes, Marcos será un dos participantes máis novos no agardado certame da Mariña. «Non é moi habitual debutar tan novo, pero hai outro piloto que é aínda máis novo ca min. É un dos meus mellores amigos, Germán Otero, do Vicedo, está facendo unha das copas. Xa correu no Rali do Cocido uns 15 días despois de sacar o carné de conducir», precisa dunha disciplina habitualmente vedada ás novas promesas por razóns económicas.
«No eslalon os coches tamén son de rali, pero eu comecei na categoría máis baixa. Aí aínda son coches de rúa e están limitados a 1.200 centímetros cúbicos. Eu xa quería comezar antes nos ralis, pero é difícil. Ata que estás traballando a parte económica é moi complicada. Non é só comprar o coche, é mantelo. Esta ano tiven a oportunidade, vinme con ganas e deille para adiante», destaca. «Así para comezar, con coche, roupa e todo, poden facerche falta facilmente 10 ou 12.000 euros», recoñece.
Foi porteiro de fútbol
«Fixen o ciclo de soldadura e despois o ciclo medio de Forestais», explica un Marcos García Rolle asentado na empresa familiar e disposto a saborear ao máximo a súa estrea a bordo nun rali a bordo dun Saxo.
Malia a destacar como porteiro de fútbol na súa nenez, as súas preferencias deportivas decantáronse rapidamente polo automobilismo: «Xogaba de porteiro. Pasei polo Viveiro e o Xove e incluso estivera preto de ir ao Lugo, pero con 14 ou 15 anos xa o deixei. Os coches chamábanme moito máis a atención. Practicamente o deixei para empezar nos ralis».
No Citroën Saxo que preparou con mimo e axuda de familiares e amigos, presentado o pasado xoves nun concorrido acto no Bar A Curva de A Xunqueira, en Viveiro, un dos seus patrocinadores, agarda completar este sábado 8 case 370 quilómetros, 105,09 deles cronometrados polas estradas de Xove, Cervo e O Vicedo. Hai uns días que a escudaría anfitrioa da competición, Mixrallyesports, avanzou os horarios: os 128 participantes confirmados pasarán polo Vicedo ás 9.05, 13.45 e 18.25 horas, por Cervo ás 10.15, 14.55 e 19.35, e por Xove ás 10.40, 15.20 e 20.00.