OUTROS HOMES DO TEMPO

La Voz

DEZA

FRANCISCO ROZADOS «ROCHI» A MIÑA FUSADELA

13 abr 2002 . Actualizado a las 07:00 h.

Ricardiño da Veiga Grande era un home que profundaba moito nas cousas. Tamén tiña unha certa debilidade pola astroloxía. Era amigo dos homes e mulleres do tempo, pero non do tempo cronolóxico, senón do tempo futuro. Nun dos moitos días que consultou con Rappel, a resposta ás súas inquedanzas traducíuse en que ía ter moitísima sorte nun futuro non lonxano, que melloraría o seu nivel de vida, que tería éxito no amor e que lle tocaría a primitiva, e todo sería a partir de que vira un sinal divino nas nubes. Enseguida comezou a funcionar todo aquelo que lle dixera o pitoniso, pero cun pequeno matiz. Todo funcionou tal e como o vidente que sufrimos ás veces os televidentes acostuma a levar as gafas, é dicir, do revés: a súa muller solicitou o divorcio polos cartos que chegara a gastar no teléfono (custan unha barbaridade as chamadas a eses teléfonos de videntes e outras evidencias); a única primitiva que lle tocou foi súa cuñada -un macholo de cento corenta quilos- que lle baixou vinte paos de carballo no lombo por se arrepoñer á muller e, por se isto fose pouco, rompeu as dúas pernas ó caer nun sumidoiro por ir sempre ollando cara o ceo na busca do sinal divino que lle anunciara o vidente das gafas invertidas (¿ou será que o invertido é el e as gafas están ben postas?). Caer en tonterías En todo caso, agora Ricardiño pasa o día cagándose na nai que pariu a todos eses augures comediantes e preguntándose como sería tan parvo para caer naquelas tonterías el que se tiña por un tipo expelido (son tontos os que o parecen e a metade dos que non o parecen, xa o dicía Gracián). Polo menos serviulle para saber por qué os adiviños non se poñían a adiviñar a primitiva para eles mesmos e así retirarse do negocio: a razón era que lles abondaba con desplumar a tódolos paletos incautos que, coma el, caían nas súas poutas ávidas de cartolos, que crían nas súas profecías e por riba lles pagaban en ouro, cebando ós homes do tempo futuro e, de camiño, á Telefónica. E é que xa o dicía o grandilocuente Groucho Marx: «Os cartos dun tonto logo abandonan ó seu dono». Sempre alerta Por iso convén estarmos sempre alerta diante dos profetas, dos videntes, dos augures, dos pitonisos e de toda canta fauna faranduleiro-televisiva se nos oferta na caixa tonta anunciando, en atmósferas empalagosas con fondo de símbolos astrolóxicos (¿ou astroilóxicos?), e con voz do outro mundo, que van solucionar as nosas pobres e insípidas vidas. O futuro xa non é o que era, e máis despois de tal desvirtuación. Non sei por qué a xente se empeña en querer saber o futuro. Se cada un puidese ver o futuro real por un buratiño, habería suicidios en masa, se seguimos vivos e pola curiosidade e polas expectativas. Imaxínense rematar coma na profecía dun profeta de verdade, un señor serio, o señor Woody Allen: «Máis ca en ningún outro momento da historia, a humanidade atópase ante unha encrucillada. Un camiño conduce á desesperación absoluta; o outro, á extinción total. Queira Deus que teñamos a sabedoría de elixir correctamente». ¿A quen lle interesa o futuro?. Alomenos agora, a Ricardiño teno sen coidado.