A inxustiza, filla do espectáculo

DEZA

O CRISOL | O |

27 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.

A SELECCIÓN española de baloncesto gañou todos e cada un dos seus partidos da fase previa nos Xogos Olímpicos de Atenas. Campeona de grupo, unha broma pesada do destino quixo que se tivese que medir á teoricamente todopoderosa Estados Unidos no cruce de cuartos. Os americanos non deran a talla nos seus primeiros cinco partidos, entrando polos pelos na loita por un posto nas semifinais. E gañáronlle aos nosos. Iso si, con moito esforzo e non exentos dunha arbitraxe cando menos criticable. De ser unha das dúas mellores seleccións dos Xogos, España rematou condeada a aspirar a unha triste sétima praza por un absurdo sistema de competición. Este é o prezo do espectáculo. A inxustiza que recompensa un bo día a uns individuos que van cada un pola súa conta fronte á regularidade amosada por un equipo, o español, que como ben dixo Gasol, gañouse o respeto de todo o mundo do baloncesto en terras gregas. Por desgracia, o deporte tamén mimetiza as sombras do ser humano. Un animal que prima os fogos de artificio do pelotazo antes có éxito dun traballo serio e constante.