A BALADA DO CANDÁN | O |
30 oct 2004 . Actualizado a las 07:00 h.HAI NON moito tempo, os fillos da Gran Bretaña que se atopan en idade escolar foron sometidos a unha enquisa na que se lles preguntaba por aquelas persoas que, ó seu xuízo -visto o resultado, o de xuízo habería que matizalo- máis importantes foran na historia da humanidade. O resultado foi que o máis importante era o futbolista-top model David Beckham, e en cambio Xesucristo non chegaba nin a entrar no «Top 100». Dáse agora o campanudo paradoxo de que o futbolista seica puxo de moda entre os adolescentes andar cun rosario colgado do pescozo. Semellaría que o efebo do balón quixera reconciliar á xuventude albiona coa imaxe do fillo de Deus, se non fose porque todos sabemos que a Beckham non o moven outros motivos máis ca os puramente estéticos e os crematísticos. Como comprenderán, a min tráeme ó pairo que os xoves sexan moi relixiosos ou non -o que me preocupa é que acumulen valores humanos, que non teñen porque coincidir necesariamente con metas relixiosas-, pero resulta ilustrativo dos tempos que vivimos que un gachó que segundo as mozas, e algúns mozos, está para comelo, sexa quen de impoñer a imaxe dun símbolo que representa algo moi respectable pero que, en si mesmo, non é quen de atraer a atención dos novos. No final dos 60 o promotor doutro lío, semellante no contido e lonxano nos xeitos, foi o celebérrimo John Lennon, a quen, por dicir que os Beatles eran máis importantes para os xoves có propio Cristo, case o linchan antes de tempo. Algo se perdeu no camiño para que agora o máis importante ca Cristo para os novos, en lugar de un portador de paz e de cultura, sexa un mero adorno humano sen máis valores que os que lle aportan Christian Dior ou Paco Rabanne. Se ten un lado bo o asunto é que sempre resultará preferible quen banaliza a relixión que quen a ten como valor tan absoluto que mata por ela, aínda que o fanatismo só se dea en persoas que sofren inmadurez emocional, é dicir, na mesma caste de persoas que levan crucifixo polo fútil motivo de que o leva o seu ídolo. Ídolo cos pes de barro, por moitos millóns que gañen, claro. Rochi@forcarei.ent