Os pendellos D'Agolada

ROCHI

DEZA

A BALADA DO CANDÁN | O |

20 nov 2004 . Actualizado a las 06:00 h.

INVITADO ó encontro nos pendellos d'Agolada polo amigo Vázquez Pintor, gocei dunha xornada, a domingo, na que estivemos 300 persoas ó redor dun recinto máxico, portentoso e máis popio de Galicia, para o meu modesto xuízo, que a torre de Hércules, por pór un exemplo. Alí estiveron o patriarca Avelino Pousa, o propio Pintor, Bernardino Graña, Ramón Caride, Francisco Fernández Rei, Abella, Marica Campo, David Otero, Fina Casalderrey, Mini e Mero, Carlos Negro, Xosé Luna e algún outro do mundo das letras. Fíxose unha merecida homenaxe ós que falan e coidan a nosa lingua fóra de Galicia: os concellos de Sa Martí de Trebellu, as Ellas e Valcerdi do Fresnu (en Estremadura), con seu delegado Domingos Frades; Eo-Navia (Asturias); o Bierzo (León) e as Portelas (Zamora). Tamén estiveron con nós Xela Arias, Antón Tovar, Luisa Villalta e Manuel María, os catro tan presentes coma o frío que lle deu ás nosas cabezas lucidez e ós nosos pés desacougo. Festa da memoria, da palabra e da música, para lembrar o mundo dos devanceiros, feito luz en cada pedra do recinto. Houbo quen cantou á pedra. Caride dedicou un poema fermosísimo á pedra, que sempre nos acompañou e nos acubillou do frío, da choiva e mesmo do medo. Téñolle un aprecio especial á pedra, en n'Agolada un respira o mesmo aire cá pedra que enche o núcleo, que penetra na alma de quen a mira. Escribiu a nosa poeta Xohana Torres: «primeiro foi a mar, despois a pedra, ¿que quedará de nós?... unha escuma levísima». Sempre nos quedará a pedra, aínda cando xa sexamos só escuma, porque a pedra é eterna. Tanto coma a relación interhumana precisa o home a relación coas cousas intertes... así comenzaba un fermoso párrafo de Rof Carballo. Hai cousas inertes que acubillan máis humanidade no seu seo ca algún ser humano, por paradóxico que semelle. Os pendellos son un exemplo, e Raquel García, Luis Viñas e Manuel Busto e tódolos «Amigos dos Pendellos», o factor humano que se relaciona e nos relaciona con este exemplar conxunto inerte. A eles e ó amigo Vázquez Pintor a gratitude e o ánimo para seguir adiante.