Suspiros

BETTI VÁZQUEZ

DEZA

O CRISOL | O |

26 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

AS FESTAS das Dores marcan o comezo da fin. Todo o ano pensando nos concertos que «este ano» animarán as rúas co son das súas guitarras, sen decatarnos de que con cada acorde se escapan os últimos suspiros dun verán único. Porque seica cada verán é único. E a este quédalle pouco máis dun mes de vida. Pero hai un grupo de persoas que se acordan quizais aínda máis ca nós desas festas que en Lalín marcan o final das vacacións para moitos. E falo da comisión de festas, colectivo que traballa todo un ano para que os veciños e os que non somos veciños poidamos desfrutar de cinco días de troula e noites en vela inesquecibles. Únicos. Coma cada verán. Para a xente nova o mellor das festas da capital dezana é que podemos desfrutar de boa música sen pagar un peso. Ou pagando pouco. Porque este ano piden cinco euros para entrar ó concerto de Los Suaves. Será porque son ourensá ou porque non podo lembrar a de veces que quedei afónica berrando aquelo de «fuiste la niña de azul en el colegio de monjas», pero penso que cinco euros non chegan para pagar a forza dos seus concertos, a desesperación de querer berrar máis e non poder. Eu estarei nese concerto, pensando neses últimos suspiros doutro verán único.