O SOL | O |

29 ago 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

A CREATIVIDADE é un dos maiores activos que posúe Galicia. É a creatividade o que marca a diferencia e o que confire valor engadido. É a condición sine qua non a moda perdería a súa esencia. É creatividade o que lle sobra a Lalín, ou cando menos aos seus creadores. Nun par de días Mercedes Fuentes, Guerral, Daquela, Toypes, Montoto e Enmanuel exhibirán na Semana Internacional da Moda de Madrid os froitos de duras horas de traballo. Pouco despois Pontus Veteris porá a proba o enxeño de Florentino e novamente Toypes e Montoto. Dúas probas de ferro nas que expertos e afeccionados, maioristas e compradores terán a oportunidade de comprobar onde están os límites da imaxinación. A roupa made in Lalín continúa abríndose paso nun espacio no que firmas con pronuncia italiana e reseñas parisinas se garanten xa de entrada parte do camiño andado. É con ideas novas e frescas, con calidade e un estilo diferente como se dan pasos adiante. Iso sábeno en Lalín, e non dubidan en explotar o filón. Lalín está pouco a pouco a converterse na nova capital da moda Galega, garantía de calidade dende hai xa tempo. Os creadores do Deza están a romper fronteiras grazas ó seu enxeño e aos seus coñecementos da industria e do espectáculo. Focos, pasarelas e stands colaboran cos creadores para facer máxico e atractivo os froitos da súa imaxinación. A moda, industria ao fin e ao cabo, fundamenta boa parte da economía lalinense. O master que se porá en marcha proximamente na localidade ven a resaltar o que xa se sabe. Lalín é un foco de creatividade, e o cincuenta por cento da moda é iso. O restante cincuenta son focos, pasarelas e márketing. Sexa como sexa, Lalín, cada día máis, marca a pauta.