Educación

ROCHI

DEZA

A BALADA DO CANDÁN | O |

17 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O SEGUINTE, referido á gratuidade dos libros de texto, foi escoitado á conselleira de Educación o día da inauguración do novo curso escolar: «É una boa medida QUE OS PAIS HAN VALORADO POSITIVAMENTE». Non me cabe dúbida de que é UNHA boa medida, pero é UNHA moi mala expresión. Non sei cantos meses haberá que a señora conselleira fala galego, pero debe de vir, polas trazas, da escola de idiomas de González Laxe. ¿Como queremos que os nosos nenos falen ben o galego se a conselleira responsable do ensino mete semellantes couces á nosa lingua? Non é unha falta pequena, non, é moi grave vindo de quen vén. Teño falado moito deste tema, de que se lles nota moito ós que non mamaron o galego e o falan desde que está de moda falalo. Está ben que a señora Sara Montiel non saiba dicir Milladoiro, á fin e ó cabo non é a súa lingua, pero a da señora conselleira si ten que ser e, cando a trata como o ínclito Jesús Gil trataba o castelán, non pode esperar que, no futuro, os novos lle garden o respecto que a nosa lingua merece. Terá que recibir uns cursos de lingua galega ou formarse dalgunha maneira, pero non pode seguir a falar dese xeito, que é unha triste mestura de galego e castelán. Será mellor que fale, en todo caso, castelán, e non seguir a maltratar así a lingua de tódolos galegos. É o que penso eu, claro, pero coido que, coma min, pensará unha boa parte dos que a cotío nos esforzamos para que o galego sexa un idioma digno e portador da nosa cultura. A lingua non é a envoltura do pensamento, senón o pensamento mesmo, polo que deberemos deducir que a nosa conselleira de ensino non pensa, en todo caso, como pensamos NÓS. Segundo dicía Castelao, o idioma é o vehículo da alma orixinal dun pobo. En todo caso, se quen debe dar exemplo cae nun erro tan reprobable, algo non vai ben para o idioma galego, que deberá ser preservado, coma sempre, pola xente que o mamou, e non polos que o usan de cara ó público pero, na intimidade, non o utilizan moi a miudo. Esto serve para tódolos políticos que, sexan da ideoloxía que sexan, non falan o mesmo idioma có seu pobo, cós seus veciños, ou o falan tan mal coma a señora conselleira de Educación. Rochi@terra.es