Matrimonios

ROCHI

DEZA

A BALADA DO CANDÁN | O |

08 oct 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

SEGUNDO UN vello dito, o matrimonio é aquela institución onde os que están fóra queren entrar e os que están dentro queren saír. En algo (eu diría que en moito) se asemella á España actual: os que están fóra queren entrar (a través de Ceuta e Melilla) e os que están dentro queren saír (plan Ibarretxe e Estatut). Claro que, ben mirado, se esta España non é o que era, tampouco o matrimonio é o que era. Antes España era unha, grande é libre (un dicir), e agora quere ser 17, pequenas e cabreadas. O matrimonio, que etimoloxicamente quere dicir unirse á muller para facela nai, non pasa polos seus mellores momentos como institución, entre a violencia doméstica e o cuestionamento da familia tradicional. E España tampouco, dito sexa de paso. O tema do plan Ibarretxe, rexeitado, complícase agora co «Estatut», que, segundo Carod Rovira, non é inconstitucional, pero chámalle nación a Cataluña, nai paridora do novo «Estatut» -non se alarmen, nación tamén ten a acepción de órgano reproductor feminino, igual ca nacencia, nacedoiro ou natura-. O señor Carod non quere que o Parlamento da Nación Española lle poña ou lle quite unha soa coma. Di tamén que non é unha proclama independentista, pero que é o primeiro paso. Non sabemos cando quererá dar o segundo. Eu teño para min que, se chega a triunfar o «Estatut», a partir de agora, España pasará a ser a «Asamblea de las Naciones Unidas de la Península Ibérica excepto Portugal y Gibraltar con el liderazgo de la Histórica Nación de Cataluña». Claro que nunca se sabe, ó mellor o Goberno dáse conta a tempo de que o que é inconstitucional non ten moito sentido de ser sequera admitido a trámite, pero xa digo, ten que chegar un pouco de lucidez a certas instancias que -tamén penso eu- caerán na conta de que algo que quere implantar privilexios nunha parte do territorio nacional que xa conta cunha autonomía que para si quixeran algúns territorios históricos en países coma Alemaña, Suiza ou Gran Bretaña, será sempre a costa de que outros territorios tamén nacionais se vexan cos seus beneficios minorados. Ata que alguén diga que ou xogamos todos ou rachamos a baralla. E ¿que pasará? ¿poremos valos tamén entre uns e outros?. Rochi@terra.es