Entrevista | Luis Couto SOCIO DA MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA O presidente da formación, Carlos Callón, falará na Casa da Xuventude en Lalín o día 20 das actividades realizadas
08 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Quince anos leva, polo menos, Luis Couto sendo socio da Mesa pola Normalización Lingüística e está a coordinadar agora a celebración da asemblea local, que se celebrará o luns día 20 na Casa da Xuventude de Lalín. -¿Cales son os obxectivos da asemblea? -A intención é activar un grupo de traballo comarcal. Na zona contamos cun número importante de colectivos que veñen organizando actividades vencelladas a nosa lingua e creo que existen grandes posibilidades de que se poña en marcha unha delegación comarcal, con sede en Lalín. -Xa existen outras en Galiza... -Penso que están formadas seis ou sete e aquí hai un grupo de xente que podería formar parte desta delegación. Un grupo que podería levar a cabo e deseñar un programa propio de actos e ser ao mesmo tempo correa de transmisión da mesa. -¿O acto servirá tamén para dar a coñecer as actividades que se desenrolan? -Así é. A Mesa pola Normalización Lingüística ven traballando en distintos eidos e na asemblea do vindeiro luns tamén se darán a coñecer esas actividades a todos os asistentes. Subliñar que é un acto aberto a todo aquel que queira asistir, que sinta esa necesidade e que desexe traballar a favor da nosa lingua: do galego para que teña outras mil primaveiras máis. -¿Está atopando interese nos colectivos á hora de prantexar ese grupo de traballo? -Estou notando interese polo tema e creo que pecharemos a reunión do vindeiro luns con resultados positivos. -¿Acudirá o presidente? -E parte da xunta directiva. Temos a confirmación de que asistirá o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística Carlos Callón, a secretaria e outros directivos. Agardamos que veña moita xente.