Diego Acoglanis, «Tata», aspira a progresar no Deza coa vista posta na Primera División

La Voz

DEZA

16 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

?unha puntualidade inglesa moi de agradecer, Diego Hernán Acoglanis chegou onte á unha da tarde ás oficinas do C.D. Lalín para ser presentado como novo xogador roxinegro. O centrocampista acudíu acompañado do seu compatriota Sebastián Campillo, co que compartirá piso en Lalín, e co representante de ambos, o tamén arxentino Manuel Alberto Estévez Mosquera. De feito foi este último, ex directivo do club Huracán do país austral, o que maior tempo dedicou a explicar a fichaxe de Acoglanis polo Lalín, que enmarcou, como a de Sebas, nun proxecto persoal destinado a cimentar as bases dun trasvase intercontinental de xogadores. Trataríase, segundo Estévez, de aproveitar o traballo do club Rosario, que «aglutina al 50% de la cantera del fútbol argentino, trayendo a España a jóvenes con proyección» e o pasaporte comunitario que lles proporciona a súa ascendencia inmigrante. Acoglanis, coñecido nos campos como Tata, sería un bo exemplo. De apelido grego e ascendencia italiana, formouse entre os 6 e os 20 anos nas canteiras dos dous equipos de Rosario, o homónimo e o Newells Old Boys. O resultado, un centrocampista de corte defensivo cunha boa visión de xogo, comenta o seu representante. Logo de dúas tempadas no Rosario da Primeira División arxentina e doutros tantos no Central Córdoba da Primeira B do país austral, equivalente á nosa Segunda B, Tata chega procedente do Coquimbo Unido da máxima categoría chilena con «ganas de seguir progresando» e o obxectivo de dar no futuro «el salto a la Primera española». Neste senso, o futbolista di non ver a súa fichaxe polo cadro dezao como un paso atrás. Encantado co fútbol español, «el más vistoso y competitivo de Europa», afirma, Tata non teme a súa adaptación ao Lalín, ao que promete «mucha entrega y ayuda para lograr la meta de todos, el ascenso».