Fervor relixioso en Requián

Pamela M. A ESTRADA

DEZA

MIGUEL SOUTO

En directo | Celebración multitudinaria en A Estrada A romaría dos Milagres congregou onte a miles de devotos que querían acercarse á Virxe polas promesas cumpridas e polos milagres ansiados

28 ago 2006 . Actualizado a las 07:00 h.

A esperanza de lograr un milagre nas súas vidas congregou onte en Requián a miles de devotos fieis á súa cita coa Virxe dos Milagres. Chova ou faga sol, sea luns ou domingo, nada impide que cada 28 de agosto unha marabunta de fieis se acheguen á capela estradense para pedir milagres e cumprir vellas promesas. Malia que nos últimos tempos a relixión está perdendo adeptos, en Requián, manténse a devoción e os fieis continúan acudindo ao templo como o facían hai xa un século. En 1950 a devoción pola Virxe era tal que a Igrexa viuse obrigada a ampliar a capela. Dende primeira hora da mañá este santuario estradense convertiuse en todo un referente. Os máis madrugadores foron peregrinos e ofrecidos que asistiron ás misas que se sucederon dende as oito da mañá, pero aínda había quen chegaba, bastón en man, pasada a unha da tarde. Ademais, foron moitos os que dende Padrón, Valga ou Pontecesures, entre outros lugares, se acercaron a Requián en autobús e incluso a cabalo. Momento máis esperado A capela, construída a mediados do século XVIII, volveu a quedarse pequena para a multitudinaria afluencia de devotos. Foron moitos os que tiveron que seguir a misa dende fóra pero, sen dúbida, o momento máis agardado polos asistentes era o da procesión. Todos querían tocar á Virxe, levar as andas ou ir debaixo dela. Móveos a devoción e nunca falta quen queira portar a santa. Eran as dúas da tarde cando a Virxe dos Milagros saíu da capela lucindo unha coroa de ouro macizo e un manto bordado de billetes de tódolas cores. Custodiada de cerca tanto por axentes da Polícia Local coma da Guardia Civil a Virxe deu a volta arredor do santuario seguida de numerosos fieis. Despois, xa no santuario, chegaron as mostras de cariño para a Virxe. Pais e avós levaban aos nenos a bicar a imaxe mentres que outros pasaban por ela estampas e panos de man. Ofrendas á Virxe Malia que non son as mesmas que antes, as ofrendas á virxe tamén se manteñen. Antano ofrecíanse sobre todo cereais pero hoxe estos productos cambiáronse por ramos de flores, rosarios, cadenas, pulseiras e exvotos de cera. Tamén hai quen opta por ofrecer diñeiro, e son estas ofrendas en metálico as que acompañan á Virxe na procesión colgadas do seu manto. Cada vez son menos frecuentes as escenas de ofrecidos rodeando a capela de rodillas, sen embargo, a primeira hora da mañá ou durante a novena, cando as aglomeracións de xente son menores, todavía se poden observar este tipo de prácticas. Un milagre ben o merece. Entre os peregrinos tamén hai quen fai o percorrido a Requián descalzo. Marita, unha veciña de Valga, foi camiñando tódolos días á novena, e onte fixo o percorrido descalza. «Faltábame a vida», sinalaba Marita referíndose a tramos do camiño, pero eso non impide que leve acudindo á Festa dos Milagros á pé dende que tiña 14 anos. Como recordo todos levaban estampas da Virxe e incluso había quen levaba en botellas auga da fonte. Novidades Este ano en Requián estreaban o teito do santuario tras o incendio que, hai un ano, acabou con gran parte del. Tras un arreglo que supuxo un gasto de máis de 50.000 euros, onte a capela lucía mellor ca nunca. Ademais, como novidade, a romaría dos Milagres contou nesta ocasión con pequenos cobertizos para por as velas e evitar así posibles novos incendios.