Sieiro, Granja e Álvarez tampouco eran onte seguros para un partido que se presume moi duro O filial inicia en Vigo a Liga de Segunda Nacional visitando o Seis do Nadal
22 sep 2006 . Actualizado a las 07:00 h.O Portadeza de Milucho ponse o mono de traballo para comezar a asfaltar o camiño que o leve cara a súa terceira fase de ascenso consecutiva. Un proxecto esixente desde o primeiro día, co conxunto roxinegro protagonizando no Pavillón Municipal de Lalín o partido estrela da xornada inaugural da Liga (18.30 horas) . Baixo o cartel do I Trofeo de Balonmán Concello de Lalín, o Portadeza terá que suar a camisola desde o primeiro minuto para impoñerse a unha Sa-Fa madrileña que volta a presentar a súa candidatura a un dos dous primeiros postos do campionato regular. O conxunto capitalino preséntase no Deza con dúas únicas baixas respecto ao plantel da pasada tempada, os pivotes Manuel García (retirado) e Epeldegui, agora nas filas do Boadilla Concepción. A marcha deste último, nembargante, resulta unha excelente nova para o Portadeza, ao tratarse dun dos puntais do xogo de ataque da Sa-Fa na anterior campaña. Outra boa nova para o equipo local será a ausencia do central Jorge Salinas, que segundo adiantou onte o seu adestrador, Francisco Javier Díaz-Tendero, non pode viaxar a Lalín por asuntos persoais. Pesie a estas notables ausencias, o Portadeza agarda a un dos adversarios máis complicados da Liga, que conta ao seu favor coa continuidade da meirande parte do seu plantel, comezando polo seu adestrador. Un equipo, pois, ben rodado e compactado. O Portadeza é o enimigo Nesta liña, Milucho subliña que a Sa-Fa "conta con xogadores moi veteranos, que saben o que se traen entre mans. Teñen unha primeira liña e un pivote, Oso, moi versátil". A maior preocupación do técnico pontevedrés é de tódolos xeitos o seu propio equipo. Os afeccionados lalinenses agardan espectantes o partido desta tarde para ver como entra en competición o seu equipo logo da súa irregular imaxe na pretempada. A día de onte Milucho aínda estaba pendente de saber se Rubén poderá participar no encontro, case tres semanas despois de desgarrarse un pulgar nun amigable contra o Carballal. Ademais, Sieiro, Granja e Roberto Álvarez eran tambén dúbidas. Os dous primeiros por molestias nas costas e nun xeonllo, e o júnior tras sufrir estes días unha gastroenterite. Pola súa banda, o Portadeza B debuta hoxe na Liga de Segunda Nacional visitando o Seis do Nadal (18.30 horas). Budi aspira a ver o seu equipo entre os cinco primeiros clasificados ao final do campionato.