Tata deixará finalmente o C.D. Lalín co permiso do club

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

O xogador pediu un incremento salarial que a directiva non aceptou O arxentino desiste da súa experiencia española, e voltará ao seu país a tentar atopar equipo

03 ene 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Despois dun mes que sí, que non, ao final será que sí. Diego Hernán Acoglanis, Tata , deixará en breve de ser xogador do Club Deportivo Lalín logo de que antonte xogador e club chegaran a un principio de acordo para que o futbolista se desvincule do Lalín. O pasado martes o xogador arxentino mantivo unha reunión coa directiva do club para plantexarlles un incremento salarial. Tata chegou ao Lalín cun acordo polo cal ata o mes de decembro os seus representantes e un empresario lalinense sufragaban a meirande parte da ficha do xogador, tendo que afrontar o club unicamente o 40% do coste do futbolista. Ao vencer o pasado mes este acordo, Tata plantexoulle á directiva lalinense facerse cargo de toda a ficha, un coste que o equipo de De Bessa non aceptou. Foi entón cando o equipo directivo do C.D. Lalín acordou darlle a liberdade ao xogador, segundo indicaron onte o seu representante, Manuel Alberto Estévez, e o director deportivo do Lalín, Manuel Antelo. Antecedentes A carta de liberdade que o Lalín acordou darlle a Tata respota tamén á intención manifestada hai un mes polo xogador. O italoarxentino fixo público o seu desexo de deixar as filas lalinenses tralo último encontro de Liga do 2006 para poder mellorar na súa carreira deportiva. Foi entón cando a directiva de De Bessa dixo non ter noticia algunha, e anunciou que se Tata deixaba o club, debería devolver ás arcas lalinenses todo o percibido dende a súa chegada. Logo disto, a pasada semana o Lalín anunciou que Tata decidía continuar no club, e onte, tras dimes e diretes, confirmábase a marcha do xogador arxentino. Sengundo indicaron Estévez e Antelo, Tata non deberá compensar ao Lalín pola súa marcha, entre outras cuestións, porque o xogador non pasará a militar noutro conxunto español, senón que voltará a Arxentina. O centrocampista tentará buscar equipo nalgún club porteño, se ben sabe que o máis probable é que non atope nada ata dentro de seis meses, cando arrinque a nova tempada. O presidente do Lalín, Amandio De Bessa, afirmaba onte que se lle dan a liberdade a Tata é porque «non queremos a ninguén que non esté agusto no club. A nós só nos interesa xente que esté implicada no proxecto». Pola súa parte, Antelo, director deportivo do club, afirmaba que «o seu rendemento fisicamente non foi bo, pero nós críamos que podería chegar a selo. Él tomou a decisión de irse, e nós só lle damos facilidades». Pola súa banda, o representante de Tata indicou que agardan asinar a desvinculación do xogador co club en breve, e que os motivos que levan ao arxentino a deixar o Lalín respostan basicamente a un difícil acomodo á categoría. Segundo Estévez, Tata non puido render ben no Lalín pola dificultade de pasar de xogar na Primeira chilena á Terceira galega. A menor intensidade física, o nivel de adestramento e as características propias da categoría fixeron mella no xogador, tanto física como psicoloxicamente, dixo Estévez.