Tempo que constrúe memoria

DAVID OTERO

DEZA

TRIBUNA LIBRE | O |

06 mar 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

CÓMPRESE un ano de recordo e de memoria, tamén pois de presenza en nós, do noso amigo, soldado da causa da liberdade e da xustiza, fillo de arrieiros, represaliado transterrado,Alfredo de Cabanelas. Con el e na súa memoria calquera tempo se fai solidario, amigo de compartir, pois Alfredo vai ao noso andar compañeiro como outrora a compromiso de loita en desexos de ben e felicidade humanas, liberando, xa que, como escribiu Lorenzo Varela, aínda aramos sobre os mortos nesta terra. E alá en Cabanelas, a este mércores de marzo soleira de primavera, en terras montesías estradenses, e na súa Campa sacra, restaurando e afirmando cívicamente pobo en comuñón unitaria de humanidade e humanismo desde as nosas conductas estableceremos a verdade presencial do noso respeito a Alfredo co exercício obrigado posto na memoria colectiva (neste caso Memoria Republicana sen dúbida ningunha). Esa memoria activa e colectiva que milita na esperanza, a que agarda en futuro con firme re-visión de pasado, e ¿andando! (como así afirmaba Alexandre Bóveda e nós tanto con el concordamos). Alí no alto coa nosa esencial identidade solidariamente sabendo sermos parte de pobo e tal en emoción comunal de afectiva lealdade, aos catro ventos bradaremos o valor da exemplariedade manifesta da vida de Alfredo. Vida entregada por causa da xustiza, pois el coma tantos outros sempre soubo (e así o levou no corazón) que quen queira ao seu pobo debe subir a el. O seu exemplo móvenos nos desexos para o desenvolvemento firme das ideas en especial as de paz e xustiza, tamén a de restauración, poñendo nós os corazóns naqueles que como Alfredo, tan nosos, nos deron vivencialmente contido de memoria e de proxectos para arestora nós esixir reparo e re-visión de acusacións e de culpas de todos os represaliados pola dictadura. E así a Alfredo (e asemade trasladámolo a tantos máis) en versos de Lorenzo Varela a Manuel Ponte nos lle confesaremos limpamente: «amigo¿ pola túa memoria a loitar, a loitar».