O partido foi un correcalles con numerosas alternativas no marcador ata o 41-39 final Os compañeiros de Sieiro despedírono cunha camisola na que lle deron as gracias
14 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.A afección do Portadeza Lalín disfrutou da derradeira victoria do seu equipo na Liga 2006/2007 que onte botaba o peche tras 26 xornadas. Unha victoria con certo regusto para os homes de Budi, que conseguiron impoñerse a un rival tradicionalmente incómodo, o Universidad de León Ademar B. As defensas abertas do filial leonés non lle foron desta volta suficientes para levarse a partida nun encontro que, como ben reflicte o electrónico final, estivo marcado por un xogo rapidísimo no que as defensas fixeron auga. Perfectamente coñecedor do estilo de balonmán practicado polo Ademar B, Budi mandou os seus homes correr todo o posible. E ao final foi o Portadeza quen se levaría o premio nun duelo con numerosas alternativas no marcador. O técnico lalinense subliñou ao remate do choque a súa satisfacción polo partido asinado polos seus homes, xa que «lles botaron ganas e conseguiron aguantar o ritmo elevado que puxo o Ademar B». A nivel individual Budi salientou as actuacións de Roberto Álvarez, Porto e de Rubén Martínez, que cos seus 9 goles de onte e a falta do cómputo oficial da Real Federación Española de Balonmano debeu amarrar o título honorífico de máximo goleador do Grupo A da Primeira Nacional. Ao rematar o encontro, os compañeiros, corpo técnico e directiva do Portadeza Lalín enfundáronse unha camisola vermella coa que despediron a Diego Sieiro no seu derradeiro partido oficial co equipo roxinegro. Na camisola a afección puido ler Por ser un gran compañeiro, gracias Diego Sieiro , secundada desde a grada por unha sonora ovación do público. Trunfo do Portadeza B Os que tamén remataron a súa Liga con victoria foron os pupilos de Félix Mojón. O Portadeza B completou o calendario da Segunda Nacional derrotando a domicilio o Oleiros: 30-33. Borja, con 17 tantos, liderou o equipo, que tamén contou onte con Iago, Bruno (3 goles), Hugo (1), Carlos (2), Carbón (2), Roibás (4) -sete titular-; Julián, Nico (3) e Agustín (1, como xogador de campo). Estes foron os outros marcadores da xornada do C.B. Lalín: S.A.R. B 0-8 Portadeza B, e Portadeza A 5-3 Rasoeiro (Alevín); Seis do Nadal 12-12 Portadeza (Inf. Fem.); Portadeza 31-25 Rasoeiro (Inf. Masc.); Chapela 33-41 Portadeza (Cad. Masc.); e Narón 32-17 Portadeza (Segunda Nacional Feminina).