El Ministerio de Transportes cesa a dos altos cargos de Renfe y Adif en Rodalies
A Fundación Neira Vilas acolleu a xornada teatral «Anisia Miranda», a cargo de rapaces de Cabana de Bergantiños
13 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A Fundación Xosé Neira Vilas acolleu onte as terceiras xornadas de teatro Anisia Miranda, con varias representacións na sé da entidade en Gres, a cargo de rapaces de Cabana de Bergantiños, da escola unitaria de Borneiro e do colexio As Revoltas. As xornadas teatrais levan o nome da escritora cubano-galega Anisia Miranda polo vencellamento da súa obra, en galego e castelán, ao teatro. Cómpre salientar neste eido o seu libro A casa dos títeres , que compendia varias pezas teatrais da escritora e vicepresidenta da Fundación Neira Vilas, así como a súa labor facendo teatro en escolas, en vivo e con bonecos, acadando varios premios polas súas obras teatrais.
Onte, os rapaces puxeron en escea varias pezas teatrais, tanto de Anisia Miranda como de autores como Carlos Casares: os nenos da unitaria de Borneiro representaron Sen ouro nin prata nin rabo de gata e Xaniño coñeceu a Lúa. Pola súa banda, os alumnos do colexio As Revoltas amosaron o seu arte teatral con títulos como As laranxas máis laranxas de todas as laranxas; O sapo e a ra; A frauta máxica; O soño de Nono; e As perdices do convite. Como remate da xornada teatral, que onte saiu fóra por vez primeira de Bergantiños para achegarse ata Gres, fixeron un recitado de poemas de Neira Vilas e de Anisia Miranda.
Relación con Bergantiños
Ambos os dous escritores manteñen unha fonda relación coa comarca bergantiñán dende 1994. Naquel ano, Xosé Neira Vilas foi homenaxeado na particular celebración que fai das Letras Galegas O Couto, na parroquia de Cospindo (Ponteceso). Unha conmemoración na que a maior diferenza fronte ao Día das Letras Galegas que organiza a Real Academia Galega é que se honra a escritores vivos. Foi deste xeito como en 1994 Neira Vilas e Anisia Miranda coñeceron a Xosé María Varela, mestre e asesor cultural de Cabana de Bergantiños, e ao colectivo cultural Monte Branco, que se encarga da organización do Día das Letras Galegas en Cospindo, celebracións que se prolongan durante toda unha semana.
Os escritores de Gres tamén acudiron dende entón en ocasións ás Xornadas Pondalianas, na honra do vate de Ponteceso. Esta amizosa relación propiciou que a gardería infantil de Cabana leve o nome, precisamente, de A casa dos títeres, o libro que recolle varias pezas teatrais de Anisia Miranda, así como a chegada das xornadas teatrais que levan o seu nome onte ata Gres. Unha interesante iniciativa cultural na fundación cruceña.