De regreso do fume

La Voz

DEZA

Aquel fulgor que Bob Marley conseguiu en Occidente hai uns anos foise apagando progresivamente. Houbo un tempo en que parecía que Marley fora ser equiparado a Bob Dylan, fora traspasar esa categoría de músico exótico para meterse nunha categoría olímpica. Foi máis ou menos polo tempo que a música anglosaxona sentiu curiosidade polo reggae e explotou o seu ritmo como séculos antes explotaran a forza dos escravos. Logo todo se foi apagando, os músicos británicos volveron ao pop-rock ou rebentaron os ouvidos antes de dedicarse sen recoñecelo ao music-hall. E o reggae non só volveu soar exótico, ademais comezaron a dicir que era antigo.

Polo medio desapareceu Bob Marley e a súa icona en branco e negro tamén foi desaparecendo das chapas dos rapaces de extrarradios brancos. O que agora quede, ademais da música que naturalmente pasa de todas estas cousas, é a nostalxia ou unha recuperación do exotismo. Ou quizais as ganas de bailar algo que non sexa ramplón ou necesite de substancias estimulantes para seguir o ritmo. Pero tamén iso. Tamén estará o fume que acompañou aos Wailers toda a súa vida.