A localidade acolleu a entrega do premio de poesía Avelina Valladares, que recaeu en Celia Parra, de Ourense. Pola súa banda, Olimpio Arca Caldas foi o encargado de ler o manifesto das Letras, no que falou da herdanza familiar do idioma, e da mágoa pola actual situación, xa que se os pais deixan de falar en galego aos fillos, a lingua esmorece e Galicia perderá a súa identidade como pobo e a súa autoestima.
Pola súa banda, a asociación cultural Vagalumes organizou, na sala de exposicións de Caixanova na Estrada a presentación do libro Alexandre Bóveda, na demanda da restauración , do que é autor David Otero, con presenza entre outros dos fillos do mártir galeguista, asasinado en 1936. No mesmo espazo, o vindeiro venres ás 20.30 horas, Xoán Carlos Garrido presentará a súa obra Piñeiro contra Castelao, Castelao contra Piñeiro , con cartas e documentos inéditos.
Pola súa banda, o museo Ramón Aller de Lalín acolle hoxe ás 13 horas a entrega dos premios de Relato Curto Varela Buxán, e a presentación do libro cos gañadores do pasado ano. Participación no Día das Letras Galegas. O PSOE de Lalín fai un chamamento aos veciños a celebrar esta xornada con reivindicación ante as agresións que está a sufrir o galego por «sectores da dereita reaccionaria». En Silleda, Adellís, Alto dos Xenerais de Bandeira e Galiza Nova invitan a asistir á manifestación de hoxe ás 12 en Santiago, convocada pola MNL: saen do Avenida en Silleda ás 10.30 horas, e ás 10.45 da parada do Castromil de Bandeira.
A choiva non amilanou a 40 ciclistas, que percorreron case 20 quilómetros por Ponte Noufe, Vilanova e Moneixas. A seguinte cita de concellos saudables, o día 31.