Lalín acollerá por terceiro ano consecutivo a Feira do Libro que organiza o colectivo de libreiros da vila, a Federación de Libreiros de Galicia e o Concello. A feira voltará a celebrarse na Praza da Igrexa, contará coa participación de seis librarías da vila e outras sete doutros rincóns de Galicia. As datas de celebración están fixadas para os días 11, 12, 13 e 14 de xuño; e a apertura da feira está previsto sexa pola tarde.
O pregón desta terceira edición da feira será ofrecido polo escritor lalinense Xoán Carlos García Porral e, con anterioridade, actuará o grupo de títeres Seisdedos e a agrupación de gaitas Os Xuncos, de Santiso. A primeira xornada rematará co sorteo dun lote de libros. Para o segundo día os organizadores convidaron a dos escritores da vila: José Carlos Calvo Ulloa e a Xoán Carlos García Porral para que asinen exemplares dos seus traballos. Será o tamén escritor Francisco Narla quen ofreza unha charla-coloquio sobre o seu libro «Los lobos del centeno». Unha xornada que se abrirá coa contacontos Fátima e o Mago David.
O contacontos Servando Barreiro con «O bardo Abelardo» abrirá as actividades feirais do día 13, sábado, á unha do mediodía. Pero haberá máis contacontos, e con sombras chinesas, xa pola tarde con Pilar Aguas. Outra escritora local, Gracia Santorum, asinará exemplares do seu «Dicionario de Escritores de Deza» para seguidamente dar paso a un recital narrativo musical de Xosé Carlos Caneiro que disertará sobre o seu traballo «Blue moon». Caneiro estará acompañado á guitarra por Xosé Manuel Salgado. Para o domingo, último día da feira, está prevista a presenza da escritora Yolanda Castaño que ofrecerá aos asistentes un recital poético, e antes o veterano escritor e astrónomo cruceño José María López Pérez dará unha charla-coloquio sobre o seu libro -que moi recentemente foi presentado- titulado «Divagaciones astronómicas y algo más». Unha xornada na que haberá obras de teatro para cativos e actuación do artista Cándido Pazó, que interpretará o seu «Monólogo Humorístico». Actuación coa que se pechará a feira lalinense.