A canción máis votada de «A polo ghit 2009» fala dos que prefiren os chiringuitos en lugar de estar na praia ao sol
01 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Lolo Arincón, veciño de Bandeira e guitarrista dos grupos Semos Peligrosos e Rumba ke te fixo resultou elixido gañador da canción máis votada de A polo ghit 2009 co seu tema Lonxe da praia, gracias ao apoio do público.
-Cal cre que foi o motivo polo que a canción resultou gañadora?
-En realidade non sei moi ben por que a xente apostou por esta canción. Pódese dicir que a letra da canción é divertida e que ten un ritmo acorde á época do ano na que nos atopamos, pero de todos os xeitos, non se corresponde cunha canción típica do verán e pola miña cabeza tampouco pasa a idea de convertirme no novo Georgie Dann da comarca.
-Por que lonxe da praia?
-A canción fala da difícil vida dos que non lles gusta a praia pero as súas familias obríganos a ir. A praia é un lugar que está ben para descansar, pero en moitas ocasións, o que máis apetece non é tumbarse na toalla a tomar o sol, senón estar no chiringuito tomando algo cos amigos.
-Poderíase dicir que ten algo de autobiográfica?
-En parte pódese dicir que é autobiográfica, pero en termos xerais, porque na canción fálase de situacións que son facilmente recoñecibles por todos.
-Ao longo do tema escóitase unha especie de asubío que recorda ó Oeste. Cal era a súa verdadeira finalidade?
-A dicir verdade, o asubío xurdiu dunha forma espontánea. Mentras que se grababa o tema no estudio de música de Bandeira, o meu compañeiro púxose a asubiar inconscientemente, e cando escoitamos a grabación, o resultado final convenceunos gratamente. Detrás do silbido non hai ningunha mensaxe oculta, pero aínda así, houbo xente que lle intentou buscar unha explicación.
-Víase con posibilidades de gañar este concurso?
-Este é o segundo ano que participo, pero a dicir verdade, non me presentei coa idea de gañar este concurso. A miña intención, en todo momento, era protestar contra a situación actual da Radio Galega.
-A que situación se refire?
-Co cambio de goberno, a Radio Galega está censurando a música feita en galego, e isto é unha situación que non se pode permitir, porque é unha emisora pública e que pagamos todos. Se isto continúa así, chegará un momento no que sacarán a Gayoso da galega e poñerán a Ramón García a presentar o Luar .
-Que opinión lle merece o sistema de votación?
-A única trampa que pode producirse é que Vieiros inflúa nas votacións. O sistema é nefasto porque é ilóxico que a xente vote durante tres meses para que logo sexa o xurado o que escolle aos finalistas.