«Presentar obra en Suecia e Marbella foi gratificante»

Amelia Ferreiroa

DEZA

O silledense será incluido no Catálogo Nacional de Arte e a Revista de las Artes menciona a súa mostra en Kiruna

19 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Intenso foi este verán para o artista silledense José Antonio Fondevila respecto ás exposicións nas que participou, dentro e fóra de España. No pasado mes de agosto a obra de Fondevila puido ollarse en Suecia e recentemente foi exposta en Marbella.

-¿Como foi a experiencia en Suecia?

-A verdade é que moi boa. No pasado mes de agosto estivo a obra en Kiruna. Traballos en Laponia que se amosaron nunha mostra titulada Color y calor mediterráneo en el Círculo Polo Ártico. Unha experiencia fantástica.

-A revista Revistart, Revista de las Artes, fai referencia no seu derradeiro número a dita exposición...

-Non o esperaba, pero é así. Recolle a miña participación en Kiruna e, o artigo vai acompañado dunha foto en cor dun dos cadros que levei a Suecia.

-E máis recentemente en Marbella, ¿onde colgou obra exactamente?

-Foi na Feria Internacional de Arte Contemporáneo de Marbella, Marb Art?09. Era a quinta edición desa feira e, segundo os organizadores, subiu as cifras de venda e de visitas do ano pasado. A feira de Marbella está considerada polos expertos coma a gran cita internacional das artes contemporáneas. É un punto de encontro e de diálogo entre os axentes que operan no mercado das artes nacional e internacional, e -segundo comentaban alí- é un importante encontro de alcance cultural de todos os levados a cabo dentro de dito sector.

-¿Grandes figuras do mundo artístico estaban en Marb Art?

-Alí estaban prestixiosos artistas internacionais da talla de Joan Miró, Chillida, Picasso, Antoni Clavé, Antoni Tàpies, Manolo Valdés, Jorge Castillo e James Rizzi. Unha feira na que se desenvolveu un extenso programa de actuacións e, como artista convidado Marb Art homenaxeou e reivindicou a figura de Julio de Pablo, que finou non hai moito. Por outra banda, ao longo da feira, que se pechou o pasado día 13 de setembro, tamén se presentaron creacións en xoiería. Foi o caso, por exemplo, da coñecida e famosa Marina Danko. Realmente presentar nestes últimos tempos obra en Suecia e Marbella foi gratificante.

-E, despois dun verán de moitas exposición, ¿toca un outono máis sosegado?

-O artista non descansa, remata unha determinada serie e xa comeza a traballar noutra. Agora mesmo teño varios proxectos pero falta aínda que se materialicen. Participación en exposicións penso que haberá algunhas nos próximos meses e todo apunta a que me van a incluir no Catálogo Nacional de Arte.