Aloumiños con exclusividade

La Voz

DEZA

17 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Segundo Rosa Bugallo, a nana é un medio de comunicación fundamental que lle aporta ó neno material para constituirse como persona, por iso non é o mesmo cantarlle unha cousa ca outra nin aloumiñar ó neno dunha forma ca doutra. «A palabra ten un valor de exclusividade. Nós tentamos potenciar nos pais o uso de adxectivos exclusivos. Convidámolos a que recuperen a invención de apelativos cariñosos para que non acaben chamándolle ó rapaz só 'cariño' -que é moito máis universal pero menos persoal- ou con nomes de personaxes de debuxos animados», explica. Nos cursiños Rosa Bugallo analiza filosóficamente o valor da nana e Uxía Pedreira -directora da Central Folque e cantante do grupo Marful- ensina cómo cantalas.

O Centro galego da música fixo unha recopilación de nanas populares e traballa cunha decea delas. Non existe unha nana galega popular emblemática e coñecida por todas as avoas, só estrofas coincidentes en varias composicións. O que si hai son nanas de autor xa moi sonadas. A Nana para un amante de Fuxan os ventos pon de relevo a capacidade transgresora da linguaxe infantil con estrofas como: « Esta noite non, quiridiño,/ que che esta na cama/ o pai do meniño./ E rum, rum meniño e ». Guadi Galego pon voz a unha Nana literaria con arrorrós mesturados con ecos de fantasía.