Xa vai un ano e dicían...

Concelleiros do PSOE de Silleda

DEZA

Otempo pasa sen apenas decatarnos, e fixádevos que xa vai un ano dende que unha banda de tránsfugas empeñados en destrozar a democracia neste Concello asaltaron a soberanía popular, con argumentos que, aínda agora, nin eles se creen. Levan exactamente un ano facendo que gobernan, convertidos nuns títeres con pés de barro, que traballan a impulsos segundo as denuncias da oposición.

Onte, estivemos relendo os discursos feitos no mesmo día da moción e mentres o noso, premonitorio, seguen a ter perfecta validez, o que fixo a que hoxe é unha alcaldesa tránsfuga, derrubase pola incoherencia.

Dicían que ían a traballar por Silleda, esqueceron salientar que o farían somentes nos períodos nos que non estiveran desaparecidos polas liortas internas, maquilladas detrás dunha baixa médica.

Dicían que ían a traballar unidos, sen trifulcas nin escándalos, pero pouco tardaron en botar fora ao que resultaba molesto e arrinconar a concelleira que non lles é afín.

Dicían que ían a abrir as portas das administracións que segundo eles tíñamos pechadas, pero o certo é que seguimos esperando a que se solvente a débeda coa Semana Verde, a que se constrúa a piscina, a que rebaixe a auga, mentres eles andan a gañar tempo para ocultar as súas ineptitudes buscando un terreo para o centro de día, cando xa tiñan un cedido por unha veciña.

Dicían que eles ían a ser sensatos e coherentes, pero en principio, xa tiveron que devolver parte do seu salario que tiñan cobrado indebidamente, e solo o tempo nos dirá o que realmente non devolveron.

Dicían que ían a ser transparentes na xestión, e si nada se sabe das queixas dos veciños, que son moitas, para que falar logo do continuo hermetismo coa oposición.

Dicían que ían a traballar en beneficio dos silledenses con independencia do seu pensamento, pero o acceso a casa da alcaldesa ou os accesos as granxas dos amigos que xa están arranxadas, foron as súas prioridades inmediatas.

Dicían que un goberno non podía basear a súa acción no Plan E, e agora van orgullosos, eso si, acompañados da garda civil, a inaugurar obras de dito plan, converténdose xunto con Roucho nos dous únicos alcaldes da historia da democracia, que presumen de facer obras pagadas cos cartos de todos, poñendo o seu nome nunha placa.

Dicían que outra Silleda era posible sen autoritarismos e soberbia, pero a primeira orden da alcaldesa tránsfuga foi dicir, que se cargara contra os veciños que estaban defendendo o seu dereito a elixir libremente fai hoxe un ano na casa da cultura. Autoritarismo é mandar a policía local a desaloxar un servicio municipal infantil. Soberbia, pedirlle a garda civil que estivera as portas do concello cando uns nenos estaban a manifestarse cos seus pais.

Día triste

Tanto dixeron, e que pouco fixeron. O 19 de outubro podería ser un día calquera mais, pero para o Concello de Silleda foi é será un día triste, que será recordado como o día no que a vontade popular foi pisoteada deliberadamente por un grupo de sinvergonzas sen escrúpulos, escondidos detrás dunha acta de concelleiro.

Por sorte, a democracia pon nas nosas mans, a través da súa ferramenta mais poderosa, o voto libre, a posibilidade de poñer a cada quen no seu sitio, e dentro de tan só sete meses teremos oportunidade de devolverlle a dignidade á política silledense a través das furnas.

Nós, Paula, Manolo e Loli, o que dixemos e seguimos a dicir, é que temos gañas de traballar, de continuar co cambio iniciado, tantas gañas como tiñamos o día antes e o día despois da moción de censura. Gañas de seguir traballando por Silleda. Paula Fernández Pena, Dolores García Troitiño y Manuel Cuiña Fernández, concelleiros do PSOE en Silleda