Promoción do cine, no Laxeiro

Amelia Ferreiroa LALÍN/LA VOZ.

DEZA

A produtora Vaca Films proxectará mañán no IES lalinense a película «Retornos» para achegarlle o cine aos estudantes

21 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Vaca Films, a produtora galega de cine que foi responsable de títulos tan coñecidos e exitosos como Celda 211, desenvolverá no IES Laxeiro de Lalín un programa de achegamento e de promoción do cine aos estudantes de 2º de Bacharelato.

A actividade consistirá na proxección mañán da película, «Retornos», e posteriormente dará comezo unha rolda de intervencións por parte do director Luis Avilés e de Xosé María Olveira «Pico» - un dos protagonistas da cinta- que versará sobre o filme e sobre o cine en xeral. Charla na que poderán participar os asistentes á proxección de «Retornos», a que foi a primeira película do director noiés Luis Avilés Baquero que narra a historia de Álvaro, un home que despois de fuxir de si mesmo ao longo de dez anos, volta ao seu pobo para asistir ao soterramento do seu pai. No pobo tentará reconciliarse co seu irmán e mesmo recuperar á súa filla Mar. O protagonista atopará unha muller morta nunha estrada, temerá pola seguridade da súa filla e iniciará unha investigación nun pobo no que nada é o que parece e todos teñen algo que agochar. Unha película protagonizada polos galegos Xavier Estévez, María Bouzas, Xosé Manuel Olveira «Pico», Luis Zahera e Antonio Durán «Morris».

O director desta longametraxe Luis Avilés foi profesor do programa Audiovisual nas aulas, no que participou o IES lalinense, polo que ten reviste especial interese para el o achegarlle aos estudantes do centro o cine feito na nosa comunidade, e esta película en particular, que foi rodada en Carballo, Arteixo, Noia e Coruña.