
Espera unha boa resposta dun público que nunca lle fallou
13 dic 2012 . Actualizado a las 07:00 h.O actor Carlos Blanco achegará mañá a Lalín ?Salón Teatro, 21.30 horas? a súa última montaxe, Teño días ...: «Define para min o que eu fago», sinalaba o propio Blanco na presentación do espectáculo coa concelleira Marisa Álvarez. Engadía que cos seus monólogos sempre trata de comunicar e chegar a públicos máis amplos, e que o seu traballo ten moito que ver co jazz, no sentido de coller unha partitura e tocala cada día de xeito diferente. Por iso agora fala de ter días, e como se lle colla un día bo, a risa está máis que garantizada, nun traballo no que aborda o que acontece, o día a día, e o de sempre.
Entradas a 6 euros
O prezo das entradas en venta anticipada é de 6 euros, e pódese recoller en horario de 10 a 14 horas e polas tardes de 19 a 21, e tamén se pode facer a reserva chamando ao teléfono 986 78 40 04. Na taquilla do propio Salón Teatro mañá serán 8 euros, e pódense retirar unha hora antes do inicio do espectáculo, isto é, de 20.30 a 21.30 horas. Carlos Blanco manifestaba na rolda de prensa onte: «Espero que o público de Lalín responda; ata o de agora, nunca me fallou».
Carlos Blanco estivo o pasado sábado no Centro Galego de Barcelona, e vén de gañar o premio ao mellor actor no Festival de Aguilar de Campoo (Palencia), polo seu traballo na curtametraxe «Almorzo con diadema», que segundo sinalaba el mesmo «está chamada a estar nos Goya». Este é o último galardón na dilatada traxectoria do actor de Vilagarcía, que acadou unha gran popularidade en toda Galicia encarnando a personaxe de Ladislao na serie «Mareas vivas». Foi tamén presentador en distintos espazos da TVG, e finalista no 2003 do certame de monólogos de El Club de la Comedia.