Guede suliña a vinculación do dramaturgo compostelán coa vila, onde o domingo se escenifica «Días sen gloria»
09 may 2013 . Actualizado a las 07:00 h.A obra teatral de Roberto Vidal Bolaño volve á Estrada: o vindeiro domingo ás 19 horas representarase no teatro Principal a montaxe do Centro Dramático Galego (CDG) Días sen gloria ?entrada 5 euros?, e tamén o luns día 13 ás 11 horas, pero restrinxido a estudantes dos institutos estradenses. O director do CDG, Manuel Guede, suliñaba onte que «sería imperdoable que o CDG non viñese á Estrada cunha obra de Vidal Bolaño, ben vinculado a esta vila» sobre todo nos últimos anos da súa traxectoria. Lembrou que no teatro estradense se fixeron os ensaios da súa obra Mar revolto, «e foi aquí, nun bar da Estrada, onde el, Antonio Simón e eu puxemos en marcha a homenaxe ao teatro profesional galego que foi Daquel abrente», para conmemorar no 2003 os 25 anos do seu nacemento no ano 1978, coa representación de Laudamuco, señor de ningures, do mesmo Vidal Bolaño, e O velorio, de Francisco Taxes. A morte impediu ao dramaturgo compostelán, a quen este ano se adica o Día das Letras Galegas, chegar a dirixir aquela nova montaxe, e fóra Simón quen asumira as dúas.
Nese contexto, explicou Guede que «cando volvín hai un ano ao CDG quixen situar A Estrada no seu corazón». O alcalde, López Campos, agradeceu esa implicación coa vila, que contribúe a manter a programación cultural estradense en primeiro nivel. Agradecemento extensivo a Manuel Manquiña, protagonista da obra e que colabora coa Estrada en eventos como o festival Panic.
Pola súa banda, Manquiña sinalou que a súa personaxe en Días sen gloria «é unha das máis fermosas e completas coas que me teño atopado», sinalando que afrontou este reto sen medo, e recoñecendo que custou sacalo adiante, xa que a proposta da directora Fefa Noia «é nova, moi interesante e intelixente, pero dounos traballo facernos con ela». Guede incidiu en que é a primeira vez que unha muller dirixe profesionalmente un texto de Vidal Bolaño, e a súa aposta por unha directora que non tivese coñecido a montaxe do autor do 1993.
Manquiña indicou que alumnos estradenses xa viron a montaxe en Santiago, onde lle fixeron «preguntas coherentes, víase o pouso das vilas con continuidade cultural no teatro». Comparten escea con Manquiña Eva Souto, Felisa Segade, Borja Fernández e Sergio Zearreta. Cinco actores para unha vintena de personaxes, «nesta road movie do século XVII», como definiu Manquiña a esta obra que xira en torno a un vello gallofo e a unha rameira que percorren o Camiño Francés. Unha montaxe na que o Vidal Bolaño admitiu a influencia de A raíña de África, de John Houston, e do western, pola pegada épica da historia.