«A federación celebrará o día da muller en Lalín»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

O acto, ao que acudirán a presidenta nacional do colectivo, a secretaria xeral de Igualdade e o alcalde, será o día 11

06 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

A Federación de Mujeres y Familias del Ámbito Rural (Amfar), que lidera Lola Merino Chacón, escolleu a capital dezá para celebrar o acto central do día da muller. Será o vindeiro martes, 11 de marzo a partires das 17 horas no Museo Ramón María Aller, e detrás desta decisión está a proposta realizada pola presidenta de Amfar Galicia; a lalinense Carmen Canda Larroy.

-Estabamos nunha reunión en Madrid e aproveitei para prantexar a idea de centralizar o acto do día da muller de Amfar en Lalín. Unha parte moi importante das nosas mulleres están no rural e tamén precisan contar con eventos deste tipo. Lalín é un referente e aquí celebrará a federación o día da muller cun programa que espero sexa do interese de todos.

-Amfar centraliza pois o acto en Deza, ¿virán presidentas doutras comunidades a Lalín?

-Están convidadas pero dependerá moito das súas axendas e de se poden viaxar ata aquí. A que estará con nós será a presidenta nacional Lola Merino que se amosou encantada de desprazarse ata Lalín para tomar parte nos actos do vindeiro martes.

-¿Como se desenvolverá a xornada?

-Será unha media xornada, que comezará ás cinco, xa que todas temos tarefas que desenvolver e por iso pensamos en concentrar o programa nunha tarde. O alcalde José Crespo será o encargado de ofrecer unhas palabras de benvida ás asistentes e a Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, será a que inaugure esta xornada na que abordaremos, con varios profesionais, unha serie de temas que pensamos que son do interese das mulleres.

-¿Cales serán as temáticas obxeto de analise?

-Unha das cuestións que levaremos á xornada son as herencias e as particións; sen dúbida un tema delicado e que suscita máis dunha polémica e múltiples consultas, e por iso convidamos ao avogado Ramón González Vinagre para disertar sobre ese tema. Falaranos das especialidades hereditarias en Galicia e de particións. Posteriormente será a coach Marcela Parga a encargada de disertar sobre aptitude e autoestima e, por último, o médico Juan Calderón Alba, que presta tamén os seus servizos na residencia Geriatros de Lalín, centrará a súa charla sobre o coidado dos maiores. Hai que ter en conta que cada vez temos unha poboación máis envellecida e as mulleres, dende sempre, se fixeron cargo do coidado dos maiores. A xornada finalizará cunha intervención da presidenta nacional.

-Un acto aberto...

-É para todos. Socias, non socias, mulleres e homes.

carmen canda larroy presidenta de amfar galicia