«Padrón, con mercado dominical, é o mellor»

La Voz

DEZA

25 ene 2015 . Actualizado a las 05:15 h.

Dende Cambados, onde Mari e Juan posúen Viveiros Torres nos que nunha superficie de 5.000 metros cadrados almacenan e engordan a planta ata que esté lista para a venda, parten a cotío con destino a algunha vila galega; principalmente da provincia de Pontevedra.

-Facemos case toda a provincia de Pontevedra e tamén imos a Padrón, que xa está na Coruña. É que meu pai nos reparteu os mercados entre os irmáns para que non nos pisaramos entre nós. Só nos cruzamos cun irmán meu en Padrón; pero alí a verdade é que non hai problema xa que hai sitio dabondo para todos.

-¿A que sitios van?

-Os martes e sábados a Vilagarcía, xoves a Marín, a Lalín todos os 3 e 18 de mes e os domingos a Padrón. Os sábados tamén hai feira en Pontevedra e antes iamos pero agora levamos un tempo sen desprazarnos ata alí xa que vale moi pouco.

-¿Os mercado de Agolada e A Bandeira non entran na súa ruta?

-Non. Meus pais antigamente ían a todas e miña irmán, a maior, tamén tivo posto na Bandeira pero nós non.

-¿Cal é a mellor?

-Padrón, sen dúbida, co seu mercado dominical é o mellor. Abrangue moita zona. É un mercado ao que ven xente de Santiago, Ribeira, Rianxo... É o mercado máis grande de Galicia con máis de 500 postos doutros tantos feirantes. É dos poucos que se vai mantendo no tempo.

-Centos de quilómetros, frío extremo e á búsqueda de sombra no verán, ¿qué é o peor deste traballo?

-Penso que o frío que pillo pero non podo negar que me gusta o que fago. É certo que os feirantes nos damos moitos madrugóns, horas e horas polas estradas para ir ao mercado, e pasas de conxelarte á lipotimia dependendo da época do ano. Persoalmente o que levo moi mal é o frío, e aí en Lalín mira que o fai! O meu home é todo o contrario, soporta ben as baixas temperaturas pero no verán está sempre buscando un sitio de sombra. Non soporta as altas temperaturas. Outro dos inconvintes deste noso traballo é o de marcharse de vacacións. Nin te o prantexas. No noso gremio é coma os que teñen animais non se poden deixar varios días sen seren atendidos. Non podemos deixar as plantas sen atención. O noso sector é peor que o dos compañeiros que se adican á venda de roupa ou zapatos, eles poden marcharse un par de días sen preocupacións pero nós non o podemos facer.