Potencialmente adorables

Rubén Pérez

DEZA

Os sucesos onde se ven implicados cans mal considerados «potencialmente perigosos» adoitan sorprender máis pola súa singularidade que polo número. Segundo datos da propia Consellería de Medio Ambiente, dende o 2016 só tiveron lugar tres incidentes, dos máis de 12.000 cans cualificados deste xeito. Isto supón o 0,02 %, evidenciando que os animai

non son uns matóns, senón que respostan a situacións alleas e aquí si atopamos un verdadeiro problema.

Animais encadeados de xeito perpetuo, cunha alimentación escasa ou non adecuada, obrigados a vivir en condicións hixiénicas e sanitarias cuestionables, cun baldeiro de auga tinxido polo moho, articulan un panorama moi negativo e, ademais, habitual no noso país.

Mentras noutras latitudes, como Suíza, os cursos de aptitude para a custodia dun animal chegaron a ser obrigatorios e onde cada cidadán con can ten que pagar unha taxa, que se emprega para articular políticas públicas contra o abandono e o maltrato, e mesmo para potenciar iniciativas como as zonas de esparcemento ou o acceso con animais ao transporte público, no caso galego detéctase unha fonda falla no sistema de inspección e vixiancia.

Non hai medios pero si potencialidades. A nova Lei de Benestar Animal, que entrará en vigor en xaneiro do 2018, adopta a perspectiva da prohibición do encadeamento continuado, unha proposta que dende a Asociación Animalista Libera e a FFW vimos innegociable e prioritaria. Sancións de ata 5.000 euros encargaranse de exercer como medida disuasoria sobre quen, tendo un can ao seu carón, prefire deixalo á intemperie cunha cadea chea de óxido.

Tampouco axuda o descontrol co comercio. As novas tecnoloxías, aliadas para fomentar a sensibilización e accións como a adopción animal, teñen un lado escuro onde os anuncios de montas, venda e intercambio de cans son habituais.

A historia contemporánea tamén nos achega exemplos de, como unha determinada raza, agora considerada «perigosa», era a elección preferida das familias, chegando a consideralos como os «cans niñeira». Isto sucedía nos Estados Unidos do século XIX e daquela apenas existían normas acerca da protección animal á outra beira do Atlántico.

Non caiamos en excusas nen o tradicional «se fixo toda a vida así». Os cans precisan da nosa protección e somos responsables do seu benestar e coidados. Poden ter unha etiqueta, que ao final é un texto marcado nunha lei, non unha presuposición de perigosidade.

Contribuamos á súa socialización, porque un can non é un matón.