
1973
01 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Con seudónimo. Así presentou Carlos Casares o obra «As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas» ó premio de Teatro Infantil convocado pola agrupación cultural O Facho de A Coruña. A peza, firmada como Ervedelo, foi unha das 23 obras presentadas e das 7 seleccionadas para a final. Casares levou o primeiro premio nun certame no que obtiveron mencións honoríficas Bernardino Graña, Eulogio Rodríguez Ruibal e Dora Vázquez. La Voz de Galicia facíase eco hai 45 anos das deliberacións do xurado -Rafael Dieste, Ramón Piñeiro, Jenaro Manflas del Valle, Valentín Arias e Concheiro- e do resultado. A dotación do premio era de 25.000 pesetas. O xurado prantexou, dada a súa calidade, a publicación da obra «Os reis do Panchiño», de Olimpio Arca Caldas.
Tralo seudónimo Ervedelo, estaba Carlos Casares. E o xornal repasaba a súa traxectoria: «Se da la casualidad de que en 1968 ganó el primer premio del primer concurso de cuentos infantiles, convocado también por O Facho, con ‘A galiña azul’, un cuento bellísimo, que habría de influir mucho en los cultivadores del género posteriores».
Un xornalista da delegación de La Voz en Ourense entrevistou a Casares con motivo do galardón e facíao non exento de humor: «‘As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas’, título da obra ganadora do concurso de ‘O Facho’, e moitas laranxas parecen». A partir de aí o autor aseguraba que as laranxas eran a peza central dunha obra que consideraba «unha fantasía a partir da realidade, onde as cousas adquiren unha dimensión desusada».
Casares renegaba entón de príncipes e princesas, tal e como explicaba na entrevista. E presentaba «As Laranxas», precisamente, como unha reacción fronte a un tipo de literatura que non lle gustaba. O autor apuntaba: «Hai anos presenteime ó premio O Facho de contos, que gañei con ‘A galiña azul’, porque había un tipo de contos que non me gustaba. O motivo foi semellante agora».