Alberto Mariano, técnico do Estradense: «Dannos favoritos ao descenso, pero asustaremos a máis de un»

bieito baliño / j. b.

DEZA

rober amado

O técnico compostelán espera unha tempada sufrida pero moi ilusionante, e móstrase satisfeito co plantel

21 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Alberto Mariano encara a que será a súa terceira tempada no CD Estradense. Despois dunha gran campaña na que logrou o ascenso a Terceira División, este ano enfrontarase a un novo reto nunha categoría superior. O técnico compostelán confía nas posibilidades dos seus e quere seguir crecendo da man do clube.

-Ola Alberto. Despois do teu paso por equipos importantes, xa eres un adestrador consolidado a nivel galego. Como foi exactamente a túa traxectoria?

-Bos días e moitas grazas. Pois eu comecei de segundo adestrador, primeiro en O Pino e despois no Sigüeiro, xa fai máis de dez anos. De alí pasei para o Compostela, comecei cos alevíns e fun subindo cada ano de categorías ata chegar a adestrar ao primeiro equipo, que estaba en Segunda B. Despois estiven traballando uns meses en China, e á volta, fichei polo Santiago, no xuvenil de División de Honra. Ó ano seguinte vin para o Estradense, onde na miña segunda campaña acadamos o ascenso a Terceira.

-Como ves ao equipo de cara á próxima tempada?

-Somos un equipo de contrastes. Mantemos a columna vertebral do ano pasado, que aporta certa veteranía, sobre todo no sector central. Isto xuntámolo con bastante xente nova, tanto fichada este verán como os dous anteriores. De todas maneiras, temos futbolistas de perfil baixo dentro da categoría, porque non podemos competir economicamente ca maioría dos rivais. O que tratamos foi buscar xente con fame e con gañas de crecer no fútbol. Intentaremos adestrar ca máxima intensidade posible para ser un equipo con moito ritmo nos partidos.

-As fichaxes deste ano son de xente nova, sen moita experiencia na categoría. Estás satisfeito co equipo que está quedando?

-A próxima semana teremos ao novo dianteiro Rodrigo para dar por pechada a plantilla. Pero temos velocidade por fóra, xente por dentro de diferentes perfís, tres dianteiros,... É un equipo que necesitará tempo para adaptarse á categoría, porque hai moitos xogadores novos. Pero gústame que se trate de xente con fame, porque son xogadores que aceptan correcións e que atenden aos consellos sobre o que necesitan mellorar.

-Ter tanta xente nova con potencial pode ser perxudicial? Se facedes unha boa tempada pódenvos desmantelar o equipo...

-É un orgullo que equipos grandes se interesen polos nosos xogadores. Iso significa que foi un bo ano e fala moi ben do traballo de todo o clube. Sempre daremos liberdade ós futbolistas cando cheguen ofertas de maior categoría.

-Preocúpache a xuventude do equipo para esta tempada?

-É un risco que temos que correr. Fichamos a xente que polo que fora, o ano pasado non tivo un bo ano, pero trátase de futbolistas con capacidade para xogar nesta categoría, ou incluso en división superiores. Se tardan en aclimatarse, os resultados faranse esperar un pouco, pero tanto eu como a directiva temos plena confianza nos xogadores. De momento as enquisas dannos favoritos ó descenso, pero esperamos asustar a máis de un.

-Toño Camba, o presidente, falaba fai un par de semanas de andar por media táboa...

-Que a directiva teña esa ilusión é positivo, e a sensación que dá o equipo que temos é que poderiamos pelexar co grupo de equipos de media táboa. Pero non hai que esquecer que somos un recén ascendido, un equipo que ten que crecer e adaptarse á categoría.

-Como esperas que sexa a liga?

-Todo son suposicións, pero creo que Fabril, Compos, Bergantiños e UD Ourense serán os máis fortes. Eu diría que hai un grupo bastante grande de equipos que conforman a clase media da liga, como Arousa, Choco ou Barco, entre outros. Nós estamos nun grupo de seis ou sete equipos que na miña opinión, en principio estamos un escalón por debaixo.

fútbol

«A medio prazo, a Segunda B non é unha quimera»

A canteira do Estradense vive un momento doce, despois da fusión fai uns poucos anos entre os dous clubes máis carismáticos do municipio, o Callobre CF e o Sporting Estrada. Alberto Mariano analizou a situación do fútbol base e falou da importancia que pode ter no futuro do CD Estradense.

-Como ves a canteira?

-Pasada a etapa de adaptación, a nova Escola estase convertindo nunha canteira potente, con adestradores titulados e de nivel. O convenio co Celta fai que os mellores xogadores vaian marchando, pero si que se nota unha mellora ano a ano.

-Hai algún xogador que saia da canteira e que este ano poida ter participación dentro do primeiro equipo do Estradense?

-Hai varios. O ano pasado xa fixemos debutar a dous rapaces de 16 anos. Nesta tempada, hai catro ou cinco rapaces que adestrarán con nós habitualmente e que os seguiremos moi de preto. Ademáis, eles coñécenme e xa teño certa fama de que eu nunca lle miro a matrícula aos futbolistas, se vexo que o rapaz está para xogar, dáme igual que teña 17 anos que 37. Eles saben que comigo teñen opcións.

-Cal é o teito do equipo?

-Eu estiven en equipos grandes, tanto en Compostela como na China, pero ao Estradense véxolle un gran potencial. Está preto de Santiago e ten unha directiva con moito rigor, que cumpre o que promete. O noso é un equipo no que un xogador pode sentirse futbolista e crecer deportivamente. Se o clube é capaz de quedar na categoría dúas ou tres tempadas, podería medrar un pouco máis. Penso que non hai moita diferenza entre o Estradense e outros equipos que loitan polo play-off. Creo que se a directiva continúa na liña de crecer paseniñamente, e fortalecendo cada vez máis a base, o clube poderá estar preparado para loitar cada tempada cos equipos de media táboa alta da Terceira División.

-Entón, consideras que a medio prazo é unha quimera pensar nun Estradense que milite na Segunda División B?

-Agora mesmo si, pero a medio prazo non. Estar en Terceira ou en Segunda B moitas veces depende da sorte, pero é cuestión de traballo. Vense equipos na categoría superior que ao final medraron, pero porque tiñan unha boa base. O certo é que o Estradense pertence a unha vila que é centro comarcal e que está preto de potentes canteiras de futbolistas. Penso que dando pasos curtos e seguros é posible que o Estradense poida estar en Segunda División B. Eso si, unha vez alí a historia cambia. Os clubes precisan moitos máis recursos, mellores instalacións e máis infraestrutura. O que tamén vexo é que o Estradense ten unha masa social maior que moitos clubes que pasaron moitos anos na categoría superior. Este ano esperamos ter entre 800 e 1.000 socios nas gradas, o que non está nada mal para unha poboación como A Estrada0.

-Para acabar, que me podes dicir do teu obxectivo persoal como técnico a medio-longo prazo? Soñas con chegar ao fútbol profesional?

-Si, por suposto. Persoalmente, decidín apostar todo ao fútbol, e aínda que teño outra formación ca que podería gañarme perfectamente a vida, a miña ilusión é adicarme unicamente a isto que fago. Grazas ás miñas labores de scouting para outros clubes, colaboracións ca prensa e con clubes extranxeiros, ademáis do meu traballo no Estradense, creo que podo ilusionarme e dicir que vou por bo camiño.

Presión alta e moito ritmo, puntos clave para ser un equipo competitivo

Alberto Mariano sinalaba que pretenden volver ser «un equipo tan compacto como o ano pasado», cando finalizaron a tempada sendo o equipo menos goleado de toda a Preferente. O técnico santiagués aclara que isto non é froito dunha gran profundidade defensiva que leve ao equipo a meterse atrás, se non de «presionar alto e meterlle moito ritmo ao partido». En definitiva, Mariano destaca dos seus que son un equipo «que en defensa mantén as liñas moi xuntas e é agresivo», mentres que no apartado ofensivo «temos varios perfís, dependendo dos xogadores que poñamos, transitamos con certa fluidez». O técnico do Estradense é coñecedor que co cambio de categoría, o normal é que o equipo non controle os encontros como a tempada pasada, polo que aínda que «darlle para arriba non se nos dá moi ben», recoñece, que debido aos rivais que se atoparán este ano, «quizáis teñamos que facelo algo máis».

Para preparar da mellor maneira ao equipo, o corpo técnico que comanda Alberto Mariano planifica unha pretempada con moito balón, pero sen desbotar exercicios físicos máis analíticos. O vindeiro luns 22 o novo Estradense bota a andar. Durante a primeira semana traballarán o acondicionamento físico, e despois comezarán a adestrar aspectos máis específicos. Nos amistosos, Mariano tratará «de poñer aos xogadores en dificultades para correxir erros de cara á liga».