Un contenedor de solidaridad de Lalín a Guinea

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

10 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A xornada de onte foi emotiva e especial para os membros da Asociación Recycling Bicicletas Solidarias, a oenegé Miradas al Mundo e un nutrido grupo de voluntarios, ao materializarse a carga dunhas corenta toneladas de solidariedade con destino a África, que partiron dun espazo ubicado na Finca Mouriscade que foi cedido pola Deputación de Pontevedra.

Poñíase fin a case dous anos da posta en marcha dun proxecto solidario liderado polo lalinense José Luis Pereira, xunto a súa muller e fillo, que o levou a recoller preto de 400 bicicletas por toda a comunidade; «a colaboración foi extraordinaria, e aos que aínda non puiden ir a visitar para recollerlles as bicis que nos van doar que non se preocupen que o farei o antes posible xa que este proxecto solidario terá continuidade», explicou Pereira. Dous anos de percorrido por Galicia nos que Pereira coñeceu o traballo solidario que a Asociación Miradas al Mundo leva a cabo en África, e a súa presidenta María Martínez. Ambos colectivos uniron as súas forzas e de aí xurdiu este contedor cargado de solidariedade que partiu cara a Vigo, onde pasará os controis pertinentes, para emprender camiño cara Guinea Bissau, a onde se prevé chegue dentro dun mes.

Ao redor dunha véntena de voluntarios afanáronse na carga dos diversos materiais que partiron para África; 2.200 lámpadas solares individuais para axudar os máis cativos á hora de poder estudar, 50 placas solares, material médico entre o que é preciso destacar dúas máquinas esterilizadoras, 22.000 quilos de pintura, lápices, pupitres e sillas, 55.000 racións de comida liofilizada, 150 bicicletas de adultos «e a xoia que é unha máquina para poder facer pozos de auga, que será de moitísima utilidade en África».

Unha iniciativa solidaria que tivo tanto éxito que o contedor de onte quedouse cativo para albergar todas as doazóns, polo que xa se está pensando nun segundo envío. «A seguinte meta que nos estamos poñendo é mandar para África un tractor con apeiros, pero de momento toca descansar un chisco. Despois a intención é seguir recollendo e amañando bicicletas e facerllas chegar primeiro aos que as precisen por aquí, xa que colaboramos no posible cos Servizos Sociais e con diversas asociacións da comarca, e logo as restantes para África».