Alberto Granja, farmacéutico de Lalín: «O test de saliva é unha ferramenta que permitirá detectar asintomáticos»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

miguel souto

05 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sanidade quere testar o maior número posible de persoas para detectar canto antes a contaxiados por coronavirus e illalos. É o obxectivo da posta en marcha dun cribado de test de saliva, que anunciou o conselleiro Julio García Comesaña, e que se realizará en farmacias pontevedresas.

-O material preciso para realizar dito cribado está xa nas boticas da zona?

-Non. Non sabemos aínda o momento en que nolo entregarán. O que recibimos foi un correo no que se nos explica como vai ir o proceso de cribado.

-Como se vai desenvolver o proceso?

-É un operativo moi fácil e que será gratuíto para as persoas que queiran facer o test. É moi sinxelo. Todas aquelas persoas que teñan entre 40 e 65 anos poderán facelo, e para iso deberán de ir á farmacia coa súa tarxeta sanitaria e pedir alí un tubo de mostras. Nos tubos atoparán toda a información para recoller axeitadamente a saliva, que terá que ser pola mañá e sen comer. Logo haberá que devolver o tubo de mostras á botica, e nós xa nos encargaremos de tomar os datos das persoas que se sometan aos test, e de mandalos todos a un laboratorio. Posteriormente se se detectan positivos xa serán convenientemente avisados e recibirán unha cita para someterse á correspondente PCR. Se o test de saliva resulta negativo tamén se lle comunicará aos que se someteron ao mesmo.

-Especifícase algún requisito en particular para este tipo de cribado?

-A idade das persoas que soliciten o test, que como dicía teñen que ter entre 40 e 65 anos, e logo tamén Sanidade insiste en que é só para aquela xente que non resultou positiva en coronavirus en ningunha PCR anterior. É moi importante tamén que os que pidan un test de saliva non o fagan se presentan algún tipo de síntomas.

-Debería de apostar a poboación por este tipo de test?

-O test de saliva é unha ferramenta que permitirá detectar asintomáticos polo que entendo que pode ser de utilidade. Cando falamos dun test que aportará información valiosa á hora de detectar persoas asintomáticas, que non teñen sintomatoloxía pero poden estar contaxiando, considero que calquera persoa debería de facelo.

-Poderá pedirse en calquera farmacia da zona?

-A nós o que nos pediron foi anotarnos, e no meu caso fíxeno, pero o que non sabemos polo de agora é se se implantará o programa en todas as boticas ou só se poderá facer nalgunhas. De todos os xeitos entendo que se comunicará oportunamente á poboación cales serán as farmacias ás que poderán ir para someterse aos test de saliva; que en todo caso será fácil de realizar e sen custo para a xente.