«A Administración local segue a ser a última carta da baralla»

Javier Benito
j. benito LALÍN / LA VOZ

DEZA

cedida

Crespo avanza que Lalín presentará proxectos a financiar co plan de recuperación europeo, por exemplo en dixitalización

23 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Crespo Iglesias, municipalista convencido e portador desa bandeira fai moitos anos, lamenta a falta de recursos económicos que reciben os concellos. Mantén a súa defensa da fusión para gañar forza, mellorar servizos e optimizar recursos. E anuncia proxectos de Lalín ante a Unión Europea dentro do plan de recuperación trala pandemia.

-Hai boa relación co resto das Administracións?

-Coa Deputación moi ben. Espero quitar algo máis do que toca no Plan Concellos, é o que pretendo. Teño magnífica relación con todos os conselleiros da Xunta e co presidente Feijoo, e teño unha boa relación coa presidenta da Deputación, pese a que non sexa colega de partido, pero hai boa relación institucional e de respecto mutuo. Sempre atende o mellor que é posible e sen queixa. Tampouco hai problema co Goberno central e unha vez que pase a pandemia vou comezar a miña ofensiva con Madrid, en dous direccións: no Ministerio de Transición Ecolóxica que vai ter tantos cartos que non os vai dar gastado e mo Adif. Vou a aproveitar os meus coñecementos do Madrid «chiquito», da miña etapa no Senado. Teño boa relación co ministro Ábalos de cando fun presidente da comisión de Fomento e tamén co secretario de Estado e quero que o meu pobo se aproveite desa conxuntura.

-Pasou o coronavirus. Afectou no seu traballo como rexedor?

-A pandemia foi unha desgraza non por haber tido a enfermidade, que tamén, porque psicoloxicamente é malo pola xente que tes preto, senón porque sen ela o mandato ía a ser o mellor da historia de Lalín, non teño ningunha dúbida. Así será dos bos mandatos e eu vou poñer todo medido en dous anos, este sumidoiro, esta pista, este centro de saúde,... e despois que alguén compare e vexa se algún partido da oposición ou todos xuntos é capaz de facer o mesmo. O que é medible non é opinable, todo será branco sobre negro.

-CxL fala de dúbidas sobre o cumprimento da estratexia Dusi. Estará completada en prazo?

-Quero ser positivo e non vou contestar, pero digo unha cousa. O día 13 de xuño tomei posesión e pedín un informe do Dusi. Tiñan executado en dous anos o 3 %. Espero ter o 6 % nos catro anos, que é o que nos tocaría. En todo caso, estamos traballando para executar o 100 % do Dusi pero tamén preparando un proxecto europeo tanto o máis potente que este, para solicitalo con cargo ao plan de recuperación, doutro tanto ou máis potente. Temos que facer proxectos que vaian a aprobarse. Non vou caer no erro do cuadripartito de facer vinte proxectos. Se sae unha nova estratexia Dusi farei dous ou tres proxectos e con tres adxudicacións telo a 100 %. A Estrada foi exemplo, con tres proxectos ten todo executado, é o modelo, hai que ter tres ou catro e non vinte. E se tes que poñer o 20 % nun proxecto europeo, non debes pasar de aí pero estamos chegando ao 50 %. Fanse máis cousas pero lastrando os presupostos municipais.

-O aumento da burocracia administrativa está afectando ao traballo do goberno?

-O que non cabe dúbida é que a local segue sendo a última carta da baralla no que toca as Administracións. A do Estado quixo meter en cintura ás autonomías e concellos e o único que fixo foi meter en cintura aos concellos para tapar o déficit que xeraron o Goberno central e máis os autonómicos, e iso é totalmente inxusto. Estamos sendo discriminados dende sempre no mundo local, cando deberíamos ser os premiados, ao ser o que máis cerca estamos dos cidadáns. Levo toda a vida defendendo o precario dos recursos que temos os municipios, só estamos rexendo entre un 13 o 14 % cando o normal sería estar nun 25 % como están noutros países máis desenvoltos que nós. Sigo reclamando autonomía financeira para o mundo local. O Estado puxo trabas no camiño que algunhas delas parecen insondables, porque non é de recibo que teña que facer o mesmo para contratar un Concello de 1.000 habitantes que a Xunta de Galicia ou unha Deputación. Por iso hai tantos remanentes nos concellos, non porque os alcaldes queiran, que nin o primeiro quere ter remanentes xa que é sinónimo de mala xestión. Non é un mérito do gobernante, é un demérito xa que contemplou diñeiro no presuposto para unhas partidas que non se fixeron. Hai una lei de contratos tan estúpida que require un contrato menor para mercar unha caixa de bolígrafos.

-Hai mecanismos para reverter esas trabas.

-Non hai quen nos defenda ante o Estado, non é problema das autonomías e o Estado quere que teñamos aforros para paliar o déficit das outras Administracións. Levo sendo municipalista convencido e a miña vida política vai xunguida ao municipalismo. Eu puiden facer outras cousas noutras Administracións pero nunca quixen saír de aquí, sempre estiven vinculado ao mundo local. Dóeme ver que cada paso a defensa do municipalismo ante Estado e autonomías é menor que cando estaba eu. Recordo cando Paco Vázquez estaba de presidente da Femp e eu da Fegamp, dábamos caña ao Goberno de Zapatero, o famoso plan E con 10.000 millóns de euros da primeira sentada e da segunda 5.000 para os concellos, e conseguimos cousas e da Xunta, co Pacto Local. Se estivera executado os concellos teríamos menos cargas. Lamento que o municipalismo galego e español sexa tan pouco reivindicativo.

-O plan de recuperación europeo debería contar cos concellos.

-Sen dúbida. Darannos as migallas envelenadas pero claro que tiñamos que ter unha parte activa nese fondo de recuperación. Con 70.000 millóns para fondos Next Generation tiñamos que ter aí unha partida e eu creo que unha fixa, con criterio de reparto de superficie, cun 30 %, e poboación, un 70 %, non só poboación, onde saímos prexudicados os concellos rurais. E a maiores poder participar en plans de Next Generation e vamos a presentar algún desde Lalín, traballando coa empresa Eosa que contratamos para os traballos preliminares. Se por aí nos tocará algo.

-En qué liñas pretende presentar proxectos Lalín?

-Estamos traballando nas liñas nas que pode haber cartos, como eficiencia enerxética ou dixitalización, porque se pides un plan de sumidoiros para o rural que nos farían moita falta non o dan. Se pides para dixitalización e administración electrónica teñas moitas posibilidades, así como para aforro enerxético en custes. Tamén un pouco da idea que temos de que Lalín teña o turismo como terceira pata económica, o rural de calidade e ligado á natureza, a comer ben e con calidade, a desestresar a poboación despois da pandemia.

Repetir no 2023, depende da saúde e o cumprimento dos obxectivos

Crespo ten claro que en España sobra o 60 % da caste política: «poderíase dar unha navallada nesa cifra e incluíame nesa eutanasia, pero tería a conciencia tranquila polo futuro do municipalismo». «A rendibilidade política social e económica das fusións poderíanse palpar», afirmou, apoiando una redución do Parlamento nacional e un Senado con competencias, con menos membros, e sen deputacións e dous terzos menos de concellos. En Galicia bastan 60. Xunto a ese panorama de futuro, respecto ao seu, Crespo elude dicir se repetirá no 2023. Dependerá, di, da saúde e do cumprimento dos obxectivos deste mandato.

«A fusión de concellos ten que vir do Goberno central»

-Para cando máis fusións de concellos, por exemplo en Deza?

-A fusión de concellos farase cando o Estado deixe de vivir nun papanatismo mental transitorio, xa durante toda a democracia. Cando vexan que o inframunicipalismo que hai en España e tamén en Galicia contribúe a distribuír moito peor a riqueza e unha parte, a España baleira, quede para ser pouco máis que couto de caza, entón fará unha fusión de municipios como fixeron outros. Só e de copiar e ten que vir de arriba a abaixo, ordenada polo Goberno central. En Europa só queda pendente de facerse nos países de carácter latino, excepto Portugal. Deben ter en conta que iso non se da feito polo voluntarismo, porque quixo facelo a Xunta e só hai dous tras varios anos.

-Que poboación mínima deberían ter eses municipios?

-Eu poñería un mínimo de 10.000 habitantes, 5.000 quédase pouco excepto algúns por estar moi illados. A unidade mínima de cultivo político para ter solvencia económica e social deberían ser 10.000, quizás como concellerías nas cabeceiras dos antigos concellos, como os distritos de Madrid eu o admito. Espero non morrer sen ver a fusión de municipios en España e o sentido común se termine impoñendo. O hándicap máis importante que temos é o inframunicipalismo, que lle convén ao Estado e as Autonomías. Con concellos fortes e ben organizados non nos tomarían o pelo, tratados como o patiño feo, non íamos rexer o 13 % da tarta nacional e ter máis recursos que beneficiasen ao cidadán. O Concello está ao pé do problema e cos veciños. Deben darnos máis recursos e competencias, pero só queren o segundo para acabarnos de afogar. O municipalismo debe rexurdir no século XXI despois dunha crise como a pandemia, debía haber unha revolución política e revisar algunhas costuras que están estalando como os concellos. Necesitamos recursos e unha lei que non asfixie.

-En Deza temos a Mancomunidade, pero parece morta.

-As mancomunidades son boas, cando non hai fusión de municipios. Son produtos secundarios se houbera entendemento e cesión de xestión municipal. Se en Deza tivera recollida de lixo da comarca, do tratamento, das augas, dos desbroces,... podías ceder recursos e ter un retorno importante, con privatizacións a mellor custe, que non o mesmo de Lalín que de toda a comarca. Pero os alcaldes non queren ceder xestión de recursos e dotalos, e ninguén quere poñer un peso. Pero o arranxa pasa por concellos potentes, sen mancomunidades nin deputacións, con autonomía e recursos suficientes.

-A Deputación ten o Plan Concellos, funciona?

-As deputacións sobran e os seus fondos deberían capilarizarse directamente aos concellos, sen ter que pedir limosna a outras Administracións. Xa deberían haber desaparecido fai tempo, ao crearse o Estado das Autonomías. Debe haber concellos potentes e teríamos moitos máis ingresos da tarta nacional, o dobre pola sinerxia de plans europeos e doutros lados.