
A Deputación rendeu homenaxe cunha foliada a músicos e artistas comprometidos e represaliados polo franquismo
03 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O Souto da Chousa da Porta, en Moneixas, acolleu onte unha festa de confraternidade con música e actividades, unha Foliada da Memoria da Deputación de Pontevedra na que se reivindicou o talento, as ideas e o compromiso de artistas represaliados polo franquismo. Asistiron moitos veciños do Deza pero tamén moitos outros chegados de Pontevedra, Vigo, Poio e outros lugares de Galicia. Xurxo Souto conduciu a inauguración na que moitos presentes se uniron o berro de «Medre a Memoria!» que se repetiu ao longo do día. A deputada Marta Ortega foi a encargada de abrir os discursos agradecendo ao Concello de Lalín a colaboración. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, destacou o valor de Galicia «un pobo con xente potente e comprometida» lembrando a «gaiteiros, músicos e bailadoras que defendían a terra, e non foron só silenciados, senón terriblemente maltratados e moitos asasinados» subliñando o recoñecemento que onte se quixo facer coa Foliada da Memoria « a esas boas persoas que quixeron quitar na nosa memoria pero que son exemplo para todos nos». O alcalde de Lalín, José Crespo, agradeceu á Deputación que escollera Lalín para estes actos.
Neles lembráronse agrupacións como os Dezas de Moneixas e o seu impulsor Xesús Froiz; os gaiteiros de Xinzo, o gaiteiro de Cabral Constante Moreda, os irmáns Pastora, Cándida e Castor Cordal e Manuel del Río Mandayo. Xurxo Souto falou dos Dezas de Moneixas que acompañaron ao Partido Galeguista antes do 36 en todos os seus actos e Manuel Igrexas destacou que Xesús Froiz foi paseado polos contidos republicanos das súas publicacións. Xerardo Santomé e Xavier Moreda lembraron a Constante Moreda, gaiteiro de Cabral, comprometido co Partido Comunista, o único que gañou a Avelino Cachafeiro en competición oficial e que foi asasinado. Alberte Pérez falou do asasinado José Gómez Avelaira, integrante dos Gaiteiros de Xinzo da Costa , amigo persoal de Benigno Álvarez, alcalde de Maceda, e que foi torturado, extorsionado e asasinado. Leandro del Río puxo voz a historia do seu avó, Manuel del Río Mandayo, ebanista e gaiteiro afeccionado que foi paseado en outubro de 1936. As mulleres da súa familia foron rapadas e vexadas obrigadas a desfilar co pelo a cero polas rúas. Montse Fajardo falou das irmáns Pastora e Cándida Cordal, afeccionadas á pandeireta e vexadas por estar emparentadas cun home comprometido cos valores republicanos e do seu irmán Castor, que era sindicalista. Pola tardiña tivo lugar unha homenaxe á traxectoria dos Dezas de Moneixas lembrando a moitos dos seus integrantes. Houbo entrega de agasallos nunha xornada que contou coa música de nove agrupacións, obradoiros de canto e baile e unha sesión de monicrecres a cargo de Viravolta Títeres.