Vivir individualmente, loitar colectivamente

La Voz CONCELLEIRA DE IGUALDADE

DEZA

12 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Lin non hai moito tempo unha frase da escritora e intelectual francesa Simone de Beauvoir na que afirmaba que o feminismo é unha forma de vivir individualmente e loitar colectivamente. E así o entendo eu tamén, equiparando a importancia dos actos persoais de cada unha de nós coa das nosas reivindicacións como grupo. Creo que a miña mente é suficientemente aberta como para entender que dentro do feminismo hai tantas correntes, sensibilidades e opinións como mulleres hai no mundo. Pero penso que todas debemos confluír cara un obxectivo común, ineludible, que é o de conseguir un mundo no que mulleres e homes sexamos iguais, no que se sigan a derrubar todas as barreiras herdadas historicamente e no que se rompan todos os teitos de cristal que limitaron o desenvolvemento persoal e profesional das nosas antergas durante séculos.

Por iso penso que esta loita involuciona cando hai quen pretende arrogarse o liderado do feminismo e busca patrimonializalo; penso que retrocedemos cando o feminismo se interpreta con exclusividade ideolóxica e con afán de exclusión tamén ideolóxica. Fraco favor nos facemos a nós mesmas cando, a maiores dos atrancos externos, somos nós as que non estamos á altura das circunstancias. A día de hoxe, cada muller debe ter a liberdade de defender a causa do feminismo sen prexuízos e sen complexos. Polo menos, así o trato de facer eu tanto no ámbito persoal como nas miñas responsabilidades como concelleira de Igualdade.

E así asistín o pasado mércores á manifestación convocada por Azos Feministas co gallo do 8-M; fun a sumar, non a dividir. Fun primeiro como muller, como lalinense e como concelleira de Igualdade, porque é imposible disociar actualmente esta responsabilidade da miña persoa. Recoñezo que descoñecía o protocolo de ubicación dos representantes políticos durante a marcha, pero non é menos certo que nin buscamos ningún protagonismo indebido nin solicitamos ningún trato preferente. É máis, algún representante doutro partido político ía situado por diante de nós e ninguén lle advertiu da imposibilidade de estar aí. A nós si e as formas non foron as axeitadas. E non era a primeira vez. Por iso comentei posteriormente o acontecido, porque penso que en ningún día do ano, pero moito menos ese día, é preciso manifestar certo tufiño e sectarismo político que algunha integrante de Azos Feministas (e remarco isto, non o colectivo, senón algunha integrante) ten amosado cara o goberno local.

Considero que non eran as formas nin era o momento. Ou se era, debería ter sido para todos. E creo que non estarei moi desacertada na miña interpretación, que tamén subscriben Paz Pérez e César Reboredo, cando outras integrantes de Azos Feministas me chamaron posteriormente para pedir desculpas e lamentar o acontecido.

Pola miña parte, o tema queda zanxado e non vai máis aló dun malentendido con algunha persoa, non cun colectivo. Desde o Concello de Lalín sempre lle tendemos a man a Azos Feministas e así o imos seguir facendo. Sempre para sumar, non para dividir.

Non quero rematar sen lembrarme do PSOE e do BNG por alimentar unha polémica na que o único que queren é sacar rédito político. Lamentable. De Alba Forno non mo esperaba. De Paco Vilariño, que queredes que vos diga: para min non é un referente nin no político nin no persoal e é evidente a súa xenreira contra a miña persoa. Escoitalo falar de feminismo é como ver Sálvame De Luxe para informarse do que acontece no mundo.

E remato con outra frase de Simone de Beauvoir: non se nace muller, chégase a selo.