Castro Valente, monte de moito coidado

fernando cabeza quiles A ESTRADA

DEZA

Cedida

26 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado día 25 de febreiro despraceime dende Carballo ata a aldea padronesa de Morono para,

dende alí subir, con outros amantes dos montes e das fontes, ata o cumio do Castro Valente, castro forte e valente, que noutrora valeu, como proclama como un segredo a voces o seu nome,

de refuxio e protección aos habitantes da contorna das invasións marítimas, que cada ano, cando

chegaba a pascua florida, enchían a ría de Arousa de velames, introducindo as súas naves polo curso navegable do río Ulla cara á sona e a riqueza de Santiago.

Mentres subíamos, reparei que todos os compoñentes da expedición eran uns consumados andaregos e andaregas, que avanzaba monte arriba sen despeitearse con calzado de montaña moi usado. Ao chegármonos ao gran recinto fortificado de altura, o dirixente da andaina, o arqueólogo Mario Fernández Pereiro, dedicounos as súas interesantes explicacións sobre as particularidades da impoñente fortificación, que hoxe xace escondida entre a desidia oficial e a vexetación.

Despois tomou a palabra o deputado pontevedrés Luís Bará, que incidiu, con brevidade, elegancia e bota usada, no risco que corre o interesantísimo, e a conservar, xacemento arqueolóxico, arestora ameazado por xigantes eólicos (en contra do que algúns cren, don Quixote non estaba tolo) cos que un poucos van encher desmesuradamente os seus petos. A enerxía eólica é necesaria para descarbonizar o que carbonizamos, pero non a toda costa e

prezo. O Castro Valente é un monte de moito coidado. Coidémolo e impoñamos o respecto que este sitio tan singular e secular merece. Así non!!!.

Na foto aparecemos os asistentes en roda, atentos ás explicacións que nos regalou o arqueólogo Mario.