Ramón Domínguez gaña coa obra «Medo me dá!» o premio Anisia Miranda de Teatro

J. b. LALÍN / LA VOZ

DEZA

Cedida

A entrega do galardón terá lugar o día 17 de maio en Gres

13 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A obra Medo me dá!, do escritor Ramón Domínguez Veiga, foi a gañadora do Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia que promove a la Fundación Xosé Neira e Vilas, co apoio da Dirección Xeral de Cultura da Xunta. O xurado, integrado por membros do padroado da entidade cultural con sede en Gres, Pilar Sampedro e Miguel Anxo Fernán-Vello, xunto ao poeta e dramaturgo Xosé Luna, salientaron que a peza «presenta unha excelente construción dramática realizada con gran axilidade nos diálogos, dotada dun sentido do humor que, en todo momento, fixa o desenvolvemento da trama teatral».

Domínguez Veiga xa fora galardoado no ano 2021 co Premio Arume de Poesía para a Infancia que convoca tamén a Fundación Neira Vilas, nese caso pola obra Violeta Parapluie. Atesoura una dilatada experiencia no eido da literatura infantil, con títulos como Violeta quere ser vampiro. Un conto de Samaín, É tempo de antroido, A araña que lle tiña medo ás arañas, Meigas fóra! ou Non pare a festa, entre outros títulos destacados.

O escritor de Ferrol tamén é autor da serie de banda deseñada Miñoca/Lombriz/Cuc e para o público adulto sacou ao mercado o pasado ano o libro Zoom, que inclúe doce relatos inspirados noutras tantas fotografías. Ramón Domínguez é licenciado en Filosofía Hispánica pola Universidade da Coruña e na actualidade traballa no mundo da edición.

A entrega do premio Anisia Miranda constitúe o acto central co que a Fundación Xosé Neira Vilas celebrará o Día das Letras Galegas. O 17 de maio haberá tamén en Gres un recordo para Francisco Fernández del Riego. Con este motivo farase unha lectura pública dalgunha das cartas que intercambiou co escritor cruceño e que foron publicadas pola editorial Galaxia no ano 2013 no volume Cartas e lembranzas. Epistolario con Francisco Fernández del Riego (1959-2007). O acto rematará coa actuación do grupo de música tradicional Raiola, integrado na Asociación Mestre Gacio do municipio de Boqueixón.

O acto do día 17 na sede de Gres comezará ás 19.00 horas. O premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia está dotado cun premio en metálico de 1.000 euros.